Arquivo por etiquetas: Historias de Cronopios y de famas
A AUTOESTRADA DO SUR
A música de Thelonious Monk que nos acompañou onte, trouxonos por unha cosmopista de autonautas ata hoxe, trinta cabodano do pasamento de Julio Cortázar. Hoxe, precisamente, a editorial Trifolium lanzou a tradución ao galego do relato A autoestrada do sur, o primeiro dos que formaban parte do libro Todos los fuegos el fuego.
Eu son o responsable da tradución e o que nela hai de bo, débese aos consellos e achegas de Carlos Arias, que me axudou con ela. Con este libro, Trifolium pretendía conmemorar o centenario do nacemento, que será o 26 de agosto, pero o azar, cousas de cronopios, fixo que sexa dobre a conmemoración e máis intensa a lembranza.
Ata onde eu sei, esta é a segunda tradución ao galego dun texto de Cortázar. O anterior foi o Discurso do oso, que formaba parte do Manual de instrucciones, incluído en Historias de Cronopios y de famas, publicado por Kalandraka como albúm infantil ou de adultos, que con estes libros e estes formatos nunca se sabe. As ilustracións eran do arxentino Emilio Urberuaga e a tradución de Xosé Ballesteros.