LOUREDO ENSEMBLE

O xoves, 20, ás 21,30 h., na cafetería do albergue Portaventosa, que na actualidade rexenta o noso fillo Daniel, produciuse un acontecemento marabilloso, no alento da amizade e da música.

Todos

Ildefonso e euChefa Alonso, Cova Villegas e Ildefonso Rodríguez, chegan a Louredo, en Carnota, cada mes de agosto, xunto co poeta Víctor M. Díez, María José e Guadalupe, a filla de ambos. O mes transcorre entre a praia, a sesta, ler, conversar, recibir amigos e tocar música no galpón. Tamén, nos últimos anos, co formato de Trío Louredo, Chefa, Cova e Ildefonso agasallan un concerto que adoita ter lugar no Pedra Pas, no Portocubelo, en Lira. Cando se lles xunta Víctor, cos seus poemas e a súa voz que se transforma en instrumento musical, a formación pasa a ser a clásica de Sin Red.

Bo rollo

Este ano, para celebrar a iniciación de Daniel nun gremio tan duro como o da hostalería,Javier 2 decidiron dar un concerto, aproveitando, ademais, a visita de Javier Escaned e de María Cameselle. O remate foi a participación do gran músico cubano, chegado de La Habana, Walfrido Domínguez. Os seis, nunha nova formación denominada Louredo Ensemble, tocaron na noite de verán durante máis de dúas horas, para goce e alegría do público que enchía as instalacións do albergue dentro e fóra, na terraza, diante da luz do faro de Fisterra, baixo as estrelas.

Eles

Está foi a formación: Chefa Alonso (percusións), María Cameselle (contrabaixo), Ildefonso Rodríguez (guitarra e voz nos tangos), Walfrido Domínguez (guitarra e voz), Cova Villegas (voz) e Javier Escaned (saxos). O repertorio: chachachá, boleros, bossa nova, tangos, cumbias e, en case todos os temas, recendos de jazz.

Unha noite para lembrar.

As imaxes son de Xacobe Meléndrez.

 

SIN RED: MÚSICA, IMPROVISACIÓN, POESÍA

É unha sorte, un agasallo da vida, compartir tempo de verán en Carnota, con amigos entrañables como Isabel, tamén chamada Cova Villegas, con Chefa Alonso, con Ildefonso Rodríguez, con Víctor M. Díez, con María José e Guadalupe.

É sorte, tamén, poder ler os versos de Ildefonso e de Víctor, partillar con eles as palabras que consolan porque non son prestadas, aprender que a memoria é ansiosa, coma a sede, ser libres e voar, arrolados polo son dos soños.

É fortuna ou sorte que Sin Red, a formación composta por Cova, Chefa, Víctor e Ildefonso, teñan Galicia e, en particular, A Coruña, como destino dos seus periplos musicais e poéticos, nos que a improvisación é o centro, expresión de tolerancia e habilidade para tomar decisións, di Chefa Alonso, alegría de compartir, entre eles e, de maneira particular, co público. Trátase, en calquera caso, dun exercicio vital de liberdade.

Sin Red. Fotografía de Manolo Múñoz
Sin Red. Fotografía de Manolo Múñoz

As voces son de Cova, garganta e boca transformadas en instrumento e música e de Víctor, que fai dos versos ecos que nos chaman e que nos conmoven, acompañándose por variados obxectos que producen son. A condución melódica é cousa de Chefa coas percusións, pero non só, que tamén se expresa co saxo soprano e de Ildefonso cos seus saxos, clarinetes, frautas e xoguetes. O conxunto ofrece unha variedade de matices nos que instrumentos e voces disólvense, ofrecéndonos un espectáculo baseado sobre todo na escoita, tamén nos silencios, con evocacións que nos poden levar dende a paisaxe sonora da cidade, ata a profusión de sons dunha noite de verán nun campo verde rodeado de bosque, pasando pola beira do mar cando o crepúsculo ou pola luminosa profusión de rumores en día de mercado. En calquera caso, xente, sons, palabras, nós, vida e, claro, voz e música, porque a palabra oída é musical e xa sabemos que o poema é, sobre todo, ritmo e, tamén, que hai música na charla dos amigos, tal e como lembra Ildefonso no seu libro El jazz en la boca, música na memoria e nos soños.

Así, Sin Red, na rede dos afectos.

E, como apunte final, lembrar que Cova e Ildefonso forman parte, dende hai anos, da formación de jazz Quinteto Cova Villegas, con disco novo no mercado dende hai nada: free space, que ten, como primeiro tema a Conferencia de los pájaros, de Dave Holland, peza mencionada na entrada deste blog dedicada ao cuco.

O CUCO

O outro día, en Santa Mariña de Corcoesto, o lugar no que pretenden explotar esa a mina de ouro e de veleno, mentres xantabamos baixo a carballeira, falei co meu amigo Xacobe Meléndrez do canto do cuco. Comentei eu que había anos que non o escoitaba en Oira nin el Lira. Chamounos a atención non escoitalo alí, lugar de bosques e pastos, en mediodía anubrado. Tamén el reparara no silencio do seu canto nos bosques de Cecebre, onde vive.

Días despois, cara ao mediodía, nunha mensaxe ao móbil, Xacobe informábame de que, mentres me escribía, o cuco cantaba en Cecebre. Con todo, dáme a min a impresión de que o cuco é especie en regresión, unha máis das moitas que padecen os cambios no clima que algúns aínda negan.

Quizais non sexa esta a especie máis querida, por aquilo de que pon ovo en niño alleo e deixa que sexan outras especies: carrizo, lavandeira, azulenta, papuxa das amoras ou paporrubio, os que choquen ese ovo de tamaño maior, pero semellante en cor ao da especie parasitada. Malia isto, o cuco é paxaro importante na nosa tradición cultural. En Lira, o canto do cuco medía o tempo de explotación do ourizo e, dende nenos, contabamos a repetición da cucada para saber os anos que teriamos de vida.

De cativos, miña nai contábanos a historia retranqueira do cuco que foi convidado a participar na sega. El respondeu que se facía sol, tería que se poñer á sombra; se estaba anubrado tería que cuquexar, polo que, de chover, iría.

Di miña nai que son moitas as especies que bota en falta, entre elas o cuco, a bubela ou o reiseñor. Acaso conveña invocalas para que volvan, por iso vai esta peza musical, a conferencia dos paxaros, Conference of the birds, de Dave Holland, que lles escoitei tocar no bar-concerto Filloa, non hai moito, a esa formación histórica de jazz, composta por esa república de homes libres, coma paxaros, que son: Fito Ares, Bernardo Martínez, Ildefonso Rodríguez, Antonio ou Toñito Ferreiro e o batería Fernando Lamas.