DA MAN DOS LIBREIROS

Dende a saída da novela A noite branca foi moi intensa a relación mantida cos libreiros do país. Máis de vinte participaron nos actos de presentación e promoción da novela. Quizais esta última fin de semana esa relación se incrementou. O venres pola tarde estiven en Gondomar, na libraría Libraida, espazo fermoso aberto ao parque, onde presentamos a novela a profesora de historia Rosa Pascual e eu. Compartimos tarde alí con outros amigos aos que facía tempo que non viamos, como Camiño Noia e Xulían Maure.

Con Rosa Pascual na libraría Libraida en Gondomar

Con Rosa Pascual na libraría Libraida en Gondomar

O sábado tocou festa en Monforte. Alí recollín un dos premios Irmandade do libro, convocados pola Federación de libreiros de Galicia e que, este ano acadaron a XXII edición. Na opinión do xurado, A noite branca mereceu o recoñecemento de libro do ano 2012. Difícil explicar a alegría, a emoción e a honra que supuxo este premio.

Dándolle voltas á relación cos libreiros, cheguei á conclusión de que eles están na miña vida dende un tempo que coincide co da memoria. De cativo, todos os domingos, meu pai mercábame un “chiste” no local de Mary, na rúa de Santo Domingo e tamén de moi cativo, ía ata La viuda, nos xardíns do Pai Feixoo, en Ourense, para cambiar os cromos.

Premios Irmandade do libro. Monforte 2012

Premios Irmandade do libro. Monforte 2012

Coa adolescencia foron Tanco, La Región e algo despois a libraría de Clemente, na rúa do Progreso, onde podiamos atopar os libros prohibidos. Tamén en Tanco tiñan trastenda. Nela coñecín e fíxenme amigo do poeta Antón Tovar. En todo ese tempo só roubei un libro, foi A revolución de Marx de Althusser e sería por expiar a culpa, que decidín sacalo na novela Sombras no labirinto.

Hoxe manteño vinculación e relación coas librarías, particularmente coas que me son fisicamente próximas, como Sisargas, que é a nosa, a do barrio, que di Eva Veiga, pero tamén con outras, tanto da Coruña, como de Compostela ou de Ourense.

Vendo o venres Libraida, pero tamén, logo de visitar A lus do candi en Arteixol, Aira das letras en Allariz ou Biblos de Lugo, observo que hai un novo concepto, unha nova estética, máis próxima aos tempos que vivimos, establecementos que non precisan de tanto fondo editorial, pero que están rexentadas por moi bos profesionais.

Advertisement