AGUSTÍN GARCÍA CALVO SEGUE A DICIR NON

O día 1 deste mes foi o primeiro cabodano do pasamento do escritor Agustín García Calvo (Zamora 1926 – 2012). O meu amigo Xavier Bermúdez envíame este texto, quizais o último ou un dos últimos que escribiu García Calvo e que circulou estes días pola rede, supoño que conmemorando a data con esta lembranza del:

“No me queda por hoy más que recordaros, contra la general creencia, que no está demostrado que se muera uno del todo y por siempre, y que acaso, sólo acaso, mi muerte no sea completa. Así como el hablar con los muertos, sobre todo con los antiguos, como mi oficio de filólogo y el deleite que en ello encuentro me han acostumbrado, los ha de algún modo resucitado a ellos y rescatado a mí de este sin vivir cotidiano, así ese pueblo desconocido y sin fin, como el Universo mismo cuya infinitud indómita, aunque ya se las apañarán para intentar domesticarla, los propios científicos del momento no han podido por menos de reconocer estos días, será el artífice de mi resurrección.

Una resurrección que no será la de la Persona de Agustín García Calvo, no, ese no.

Resucitaré en cambio simplemente yo, el que ahora os habla por escrito, y que habita en las carnes de aquel.

Y resucitaré cada vez que alguien me traiga a la vida de recobrar mis palabras y de seguir diciendo NO.

Y esa duda de mi muerte me trae al menos alivio para esta pena de habitar entre los vivosmuertos en el entretanto. “

E eu non podo deixar de sentir consolo e alborozo ao saber que el, que xa conversara cos mortos e polo tanto sabía cal era o ámbito mestizo de isoglosas, entre este mundo e o outro, segue comunicándose connosco e dicindo ese NON contra todo o ruín e perverso que nos acontece. Xavier e Manane Rodríguez foron, e seguen sendo, moi amigos de Isabelita e de Agustín. Velaí os catro, anos atrás, nesta imaxe:

Agustín con Isabel, Xavier e Manane

Agustín con Isabel, Xavier e Manane

Neste sitio http://bauldetrompetillas.creacicle.com/ pódense escoitar as conversas que Agustín e Xavier mantiveron nos días nos que Xavier presentaba en Radio 3 o seu programa sobre Pensamento, ao que Agustín acudía cada semana, alá polo ano 1988. Resulta exemplar ese conversar intelixente que se abre aos oíntes, que chaman e interveñen en directo.

Pedinlle permiso a Xavier para contar aquí que el, cada mañá, dende hai anos, dedica un tempo a recitar poemas de Agustín, procurando que o dicir, a cadencia, o son, a música, respondan á idea creadora do autor, afeito a levar a cesura máis alá do final do verso, normalmente encabalgando a última palabra dun como primeira do seguinte. Xavier dáme permiso para facer públicos os seus exercicios mentais de mañá, coa condición de que amose a imaxe dunha das pizarras de Agustín, cun dos seus esquemas, así que aí vai:

Non é doado recitar en alto o verso de Agustín, ata que se lle escoita dicir a el. Daquela un decátase da naturalidade coa que flúe, velaí este exemplo, no que podemos observar como recita un dos seus poemas emblemáticos, La cara del que sabe, tan de actualidade aínda hoxe, case 40 despois, poema que formaba parte do libro Canciones y soliloquios, publicado en 1976 pola editorial La Gaya Ciencia e do que Amancio Prada faría disco, co mesmo título, en 1983.

Aínda que eu souben de Agustín, a través da súa obra dramática da que me falaba Manolo Vidal, en particular das Farsas tráxicas, nos días nos que dedicaba parte do meu tempo ao mundo teatral, alá polos finais dos setenta e principios dos oitenta, non é ata este libro de Canciones y soliloquios que o descubro e incorporo a ese fardel de libros e autores que nos acompañan ao longo da vida.

Autores, libros e cancións. En 1982 Agustín, Amancio Prada e Chicho Sánchez Ferlosio ofrecen un coloquio-concerto-recital no antigo teatro Español, arredor das cancións e soliloquios do libro. Del son os vídeos, o anterior e este, no que os tres interpretan unha canción que eu incorporei a esa memoria que nos fai ser o que somos, dende que a escoitei por primeira vez:

Agustín García Calvo foi e segue sendo, referencia de pensamento libre, nun país no que pensamento e liberdade proen. Autor dunha obra tan ampla coma o propio pensamento, obra que axuda a interpretar o mundo a través de liñas distintas, pero sempre converxentes, de coñecemento (filosofía, teatro, lingüística, gramática, lóxica…) tradutor excepcional, recibiu tres premios Nacionais: de ensaio en 1990, de literatura dramática en 1999 e a toda a súa obra como tradutor en 2006. Sempre na vangarda dos movementos e reivindicacións sociais, foi unha das voces dos movementos civís que xurdiron nos últimos anos en España, velaí a razón e o sentido dese NON que segue a proclamar dende ese non lugar no que está, e que nos convida a pronunciar con el.