CAROLEE SCHEEMANN

Achegámonos a fin de semana ata León. Queríamos ver a exposición de Carolee Scheemann, a artista americana que foi no seu tempo sinónimo de vangarda e innovación; inventora do teatro cinético e, ao tempo, unha das voces máis singulares da expresión ética e estética do feminismo. O MUSAC de León programou, por primeira vez, unha exposición monográfica da artista en España, que pechará o día 7 de decembro. O meu interese estaba relacionado co proxecto da nova novela na que xa traballo.

O certo é que non nos defradou nin a exposición, nin León, pero da cidade, dos encontros e os afectos, falarei mañá.

A exposición, situada na sala 3 do museo, ofrece varios dos traballos máis emblemáticos da artista das permonfances e o visual. Son moitos os argumentos que se ofrecen de xeito transversal en boa parte das pezas: Vietnan; o corpo como alegría e como dominación, en particular o corpo feminino; Vietnam; Palestina e o Líbano, a represión, a crueldade ou a fraxilidade que supuxo para occidente o 11 S.

Carolee 1

Impresionoume a composición Terminal Velocity, que amosa imaxes tomadas dos xornais, na que se ven os corpos, coma ícaros, caendo na vertical das torres. Tamén, a sucesión de cadros e fotografías de Snows, en dúas pantallas (Red News e Viet Flakes), descontextualizadas das secuencias, o que lles dá unha forza especial. Causoume un grande impacto o rostro dunha muller vietnamita, que olla cunha mestura de estupor e de horror algo á súa beira, pero ese misterio de non saber a causa da súa expresión, incrementa o desacougo do espectador.

Carolee 3A exposición ofrece dúas das montaxes audivisuais máis emblemáticas da artista: Meat JoyPrecarius. Coñecía eu algo da primeira, cos corpos dos homes e mulleres movéndose entre peixes mortos que semellan xardas, polos desplumados e pintura, nunha sorte de danza orxiástica, que vai do pracer á dominación, da vida á morte, da cor ao lixo, da coreografía ao caos. Gustoume moito Precarius, que non coñecía, unha sorte de labirinto visual en imaxes múltiples, acompañada de pezas musicais fragmentadas, distorsionadas e descontextualizadas, de Mozart, Bach, The Beatles ou Jackie DeShannon.

Nas primeiras salas, o museo ofrece outra exposición grande e que precisa de tempo, sobre o concepto colonial en España, a súa evolución e historia. Vin nela un documental que non coñecía, que recolle o desfile cara o porto, polas rúas de Melilla, a pé e a cabalo, das tropas mouras que combateron con Franco. Sobre o documental figura este cartel:

Cartel Los Nacionales

Deixo tamén este vídeo de Jackie DeShannon e a canción What the World Needs Now is Love, utilizada por Carolee Scheemann.

Advertisement