CORTÁZAR SONGS: JAMILA PUROFILIN

A miña amiga, a cantante cubana residente en Galicia, Jamila Purofilin, protagoniza este curtametraxe documental, Cortázar poeta (Del lado de acá), sobre o ciclo de concertos que deu en Bos Aires no verán, dentro das celebracións do ano de Cortázar e ao fío do seu disco Cortázar Songs. O disco recolle o seu traballo musical arredor de oito poemas de Cortázar e os amaños posteriores de Paulo Lêmos. Na xira arxentina e no documental, está acompañada pola guitarra de Jorge Giuliano, quen fora guitarrista de Mercedes Sosa, entre outros grandes intérpretes arxentinos.

Jamila estará a semana que vén en Grenoble, onde participará nun simposio sobre o escritor, cunha comunicación que fala do disco, de como compuxo as cancións, do ritmo e da música que hai en cada poema e en cada parágrafo da literatura de Cortázar. Ela quería que tamén fose eu, a falar do meu, pero un vai quedando sen vacación e hai cousas que, aínda desexándoas, non poden ser.

JAMILA PUROFILIN E SONGS CORTÁZAR

Hoxe pola tarde vivín un momento moi agradable, conversando con Jamila Purofilin, a cantante cubana afincada dende hai anos en Galicia, que está en xira presentando o disco JULIO CORTÁZAR SONGS, con cancións compostas a partir de textos do escritor arxentino. Unhas cancións son súas, compartindo nalgunhas a autoría con Paulinho Lêmos, pero tamén hai unha de Pablo Milanés. Os arranxos son de Fred Martins e Wilfredo C. Mondeja.

Xuntámonos na libraría Colón, convocados pola axenda cultura http://www.vivirnacoruña.es, proxecto de Daniel e Lucía Pita. A conversa, distendida, foi un pracer. Falamos de Cortázar, unha paixón compartida, e da música. Daniel, que era quen nos convocaba, propiciou a conversa dende o principio, con preguntas e comentarios pertinentes.

Non tivemos público, pero penso que hoxe foi unha desas tardes fermosas, nas que un sente o nacer da amizade. Jamila e eu fixemos intercambio de agasallos. Eu dinlle a tradución do relato Autoestrada do sur, publicada por Trifolium e ela obsequioume unha gravación feita como adianto do disco. Jamila non tivo inconveniente en cantar para nós fragmentos de cancións, coa súa voz cálida. Na súa opinión, os poemas de Cortázar, de verso libre, que son os empregados, posúen un marabilloso ritmo interior que facilita a composición e a variedade de textos deu, tamén, unha variedade de estilos e de músicas: tangos, boleros, milongas… Aí deixo esa mostra do seu facer, primeiro un fermosísimo Bolero inexplicable, un dos seus clásicos, o segundo Blues for Maggie, segundo o texto de Cortázar, publicado nese libro recente titulado Papeles inesperados.