Cando en 2010 gañei o premio de poesía Fiz Vergara Vilariño, descoñecía que xunto coa edición do libro e o importe económico, recibiría, tamén, unha peza dun artista galego. Tocoume Manolo, unha peza emblemática do escultor Jorge Varela, de Allariz. Souben entón que Manolo fora peza interactiva, que participara en desfiles de moda, que formara candidatura para se presentar como cabeza de lista ás eleccións europeas e que facía vida normal, acompañando a Jorge ao supermercado, tomando algo nunha terraza, viaxando.
Dende aquela Manolo pasou a formar parte das nosas vidas. No mes de outubro Jorge chamou dicindo que precisaba del para unha exposición que ía montar na Fundación Granell de Santiago de Compostela. Démoslle permiso, claro, e un día, contra o solpor, saíu da casa para estar ausente algo máis de tres meses.
Onte estivemos en Compostela e fomos de visita. Manolo pendura da parede da sala, xunto a el varias fotografías que contan como era a súa vida antes de se censar na Coruña. Non sei se estará moi cómodo así, nesa posición que non se sabe se é de abandono, de reflexión, de pudor ou de afogo. Dicir, en calquera caso, que o seu recuncho agarda por el. As obras de Jorge estarán expostas ata o 19 de xaneiro de 2015. Manolo agarda por quen o queira ver. O título da exposición é “Ensaios para un modo de emprego”. Quen decida ir, pode aproveitar e pasar un momento ben agradable, non só falando con Manolo, senón visitando o resto das mostras que ofrece a fundación, en especial a obra de Eugenio Granell exposta neste momento e co edificio, ben fermoso.