A MEMORIA DE TODOS

Casa museo memoriaVeño de asistir a unha charla coloquio arredor da memoria histórica, celebrada esta tarde na Casa Museo Emilia Pardo Bazán, no ciclo de actividades que promove todos os primeiros xoves de cada mes, denominado: Os xoves da rúa Tabernas. Programa o ciclo a directora do museo Julia Santiso.  O formato é o de conversa, organizada arredor dun tema presentado por unha persoa con voz no asunto proposto cada mes. Hoxe o título era: Memoria contra o esquecemento e a poñente era Carmen García Rodeja, unha das voces máis autorizadas para falar deste tema, voluntaria da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, entidade da que foi, durante un tempo, o rostro visible en Galicia. No programa estaba previsto que a acompañasen Antonia Fraguela e Celsa Díaz Cabanela, ambas denunciantes na querela que dende Arxentina, instrúe a xuíz María Servini. Antes de comezar acordou sumouse outra denunciante, Esther Portela. Con aforo completo, o acto transcorreu nun ir e vir do ánimo de todos entre a emoción e a indignación. A indignación é o sentimento que nos posúe cada vez que nos enfrontamos á evidencia da indiferenza e menosprezo do goberno e das institucións do estado, para coa dor dos familiares que aínda agardan para poder exhumar os restos dos seres queridos asasinados e enterrados nas cunetas de España. Xa temos recollido aquí moitas veces esa realidade, de máis de 120.000 mortos que agardan unha mínima reparación desexada polos seus e negada por este estado canalla que nos tocou en sorte. Este blog está, tamén, ao servizo desa causa e da denuncia dunha inxustiza pola que o estado español ten sido reprendido, incluso, pola ONU.

Memoria na Casa MuseoPero esa memoria é a de todos. Guste ou non guste, tamén dos indiferentes e dos cómplices, aínda que o ignoren. Este estado e esta democracia susténtanse sobre a crueldade e manteñen aberta unha ferida que sangra e supura, un cancro que non ten máis cura ca reparación, máis liberación ca de conseguir que todos os corpos que nos sexa posible exhumar, repousen no panteón familiar, xunto cos seres queridos, cos seus nome nas lousas,  nun lugar ao que se lles poidan levar as flores do amor, ese amor que aínda alenta. Este é un empeño que se libra en contra do tempo, contra o límite da vida daqueles que os coñeceron, os que levan oitenta anos agardando, os amigos e veciños que arredor de cada fosa que se abre, recompoñen cada historia.

Clara, firme e emotiva foi a exposición de Carmen, como foron emotivas e valorosas as de Antonia, Celsa e Esther. As catro, grazas.

Antes da exposición e do coloquio, puidemos ver este vídeo titulado La memoria de la tierra:

http://dai.ly/xpzhx9