NA REAL ACADEMIA GALEGA DE BELAS ARTES

Onte o editor Xan Arias (Editorial Trifolium), o pintor Ali Ali e eu, fomos convocados a participar dunha emoción, na Real Academia Galega de Belas Artes.

As 20,00 abríanse as portas e axiña se pechaban, deixando fóra, por aforo completo, a un público tan numeroso como o que entrou. O acontecemento era unha iniciativa musical, programada pola academia, a beneficio de Cáritas. Coa coordinación de Berthold Hamburguer e a interpretación dos músicos: Jenni Rahunen de Finlandia, canto e acordeón; Deborah Hamburger, violinista procedente da India e o alemán e violinista tamén, Ludwig Durichen, axuda de concertino da Orquestra Sinfónica de Galicia, o protagonista real era Ali Ali, xa que as fotografías da súa obra acompañaban como pano de fondo as interpretacións musicais. Os músicos forman o coxunto Artemis Ensemble.

Concierto Academia Bellas Artes

Como primeira parte do programa, a Sonata para dous violíns nº 5 en mi menor, de Jean-Marie Leclair. Na segunda, entre breves pezas musicais de Bartók e cancións de música tradicional finlandesa, líase o conto Suleimán e Salúa. Como presentador e lector actuaba Julián Carrillo Sanz.

Digo que foi unha emoción porque iso foi o que sentimos. Diálogo entre artes: música, plástica, literatura. Para min o momento principal chegou cando Jenni Rahunen interpretou unha canción da música tradicional do seu país, integrando nela un anaco do texto do conto, ese no que a nai lle conta á filla que en Siria durmindo na terraza as noites de calor, os nenos aprendían os nomes dos astros. Moito lles agradecín a todos, ao final, este agasallo, con bicos e abrazos. A Jenni dinlle as grazas e comenteille o importante que era cantar coa alegría con que ela o fai.

Tamén foi unha emoción enterarme, polo arquitecto Xosé Manuel Casabella, que esta fin de semana ingresa na Academia o escultor e amigo Ignacio Vasallo.