FRANCISCO LUIS BERNÁRDEZ

Paco Luis, Fdez. MazasRamón, da revista dixital “Letra en obras”, pedíume unha colaboración literaria. Decidín escribir sobre Paco Luís Bernárdez, o medio irmán de Aurora Bernárdez e cuñado de Julio Cortázar. Non é unha figura moi coñecida aquí e eu creo que debería sernos máis familiar, sobre todo porque foi un grande escritor, entre dúas linguas, unha delas a nosa. Este retrato fíxollo o pintor ourensán Cándido Fernández Mazas. Velaí vai o artigo, aínda que é necesario engadir que o libro de Linteo xa está na rúa:

O pasado mes de agosto cumpríanse os cen anos do nacemento de Julio Cortázar. Tempo de celebración. Nós, dende aquí, podemos tirar de moitos fíos para nos achegar á figura de Cortázar, tamén á súa obra, xa que a súa relación con Galicia e cos galegos da emigración e do exilio foi intensa e constante. Unha das relacións máis singulares foi a que mantivo co seu cuñado, Francisco Luis Bernárdez, escritor galego-arxentino a quen se refire o seguinte texto, resumo do que figura no libro O soño galego de Julio Cortázar que proximamente publicará a editorial Lintelo.  

Segundo propia confesión, Francisco Luis Bernárdez naceu no século XIX, porque chegou ao mundo uns días antes de rematar o ano mil novecentos. Foi en Bos Aires; o ambiente, unha familia de emigrantes procedentes do concello de Maside, na provincia de Ourense.

Na súa mocidade Paco pasou varios anos en Galicia e Portugal. En Galicia fíxose amigo dos escritores galegos da época e aproveitou para iniciar relación con parte da intelectualidade española. Daquela, exerceu o xornalismo nas páxinas de El Pueblo Gallego e Faro de Vigo, e escribiu en galego, circunstancia compartida co seu amigo Amado Villar Novaiz, poeta arxentino nacido en Galicia, coñecido como O Meleiro. Rafael Dieste lembrarase del ao comentar como era a vida dos escritores e xornalistas na cidade de Vigo en 1925:

(…) Traballei primeiro no periódico Galicia, con Roberto Blanco Torres, Valentín Paz Andrade Signo… Despois en El Pueblo Gallego, dirixido entón por Fernández Mato. Lembro como cousa máxica a convivencia e os coloquios sen fin, sobre todo o humano e o divino, cos xa mencionados e con Eugenio Montes, Amado Carballo, Francisco Luis Bernárdez, Manuel Lastre Rivas, Johán Carballeira, Fernández Armesto…

Na revista Nós daqueles días pódense ler dous traballos de Francisco Luis en galego, «A estrela y–o aturuxo» e «Apoloxética do cadaleito».En Galicia escribe Alcándara, editado por Proa no regreso a Bos Aires. Roberto Blanco Torres, publica na revista Nós unha recensión deste libro, na que di: «Alcándara foi inzada en Galicia, aireouse no mar e froiteceu na outra Terra do poeta, terra de sementes, sempre encinta».

Jorge A. Mazzinghi falando de Paco Luis, afirma que: En Galicia vivió, adolescente, y creo que allí se concertaron sus bodas con la poesía —que comenzó abordando en la lengua ancestral— porque le fue revelada por autores portugueses y gallegos, que lo pusieron en contacto con el encantamiento que las palabras pueden lograr. Engade logo que foi Rosalía de Castro quen deixou a pegada máis fonda no seu espírito. Luís Seoane tamén escribiu sobre el:

Francisco Luis Bernárdez foi sempre un galego polos seus sentimentos, polo seu pensamento e por ter adicado gran parte da súa obra a Galicia. É un gran poeta arxentino que en ningún intre deixou de colaborar, cando se lle solicitou, cos galegos emigrados, soñando como éstes sempre en Galicia.

Paco Luis será o encargado de dar a coñecer en Bos Aires a Castelao; primeiro, a través dun artigo que publica en Martín Fierro e, logo, actuando como presentador do libro Cousas na cervexería Royal Keller, na rúa Corrientes, onde se reunía o mundo cultural máis moderno da cidade.

Paco Luis- Poemas elementales

Sorprende a súa firmeza afectiva, salvando relacións con persoas que mantiñan criterios e opinións políticas e relixiosas opostas ás súas, xa que Bernárdez decantarase a favor do bando insurrecto durante os primeiros días da Guerra Civil española. Aurora Bernárdez, media irmá e primeira esposa de Cortázar, afirma que: «Paco foi franquista, pero non era sectario». Quizais foi iso o que lle permitiu ser crítico co réxime que perseguía e executaba aos amigos e o que o impulsou a continuar espallando a obra e a vida de escritores como Castelao, Luís Pimentel, Miguel Hernández ou Antonio Machado; a participar no que se deu en chamar a batalla de Montevideo, denunciando por escrito a persecución do galego por parte de Franco e o seu réxime ditatorial, ou a seguir sendo amigo de republicanos como Eduardo Blanco Amor.

En 1970, Edicións Nós de Buenos Aires publica Escolanía de merlos de Faustino Rey Romero, con limiar en galego de Francisco Luis Bernárdez. Neste texto que reflicte a saudade do tempo e dos amigos que quedaron atrás, Paco lembra os días da República e proclama, outra volta, a súa condición de galego:

Pode que algún deles refírese aos merlos de Faustinocombine segredamente ises ritmos cos primeiros compases do Hino de Riego, notas que no devandito Dacón ouvía eu cantar ao merlo dun barbeiro republicán. Como queira que sexa, veleiquí un poeta universalmente (catolicamente) galego, e uns paxaros que fican incorporados aos que non esquenceréi.

Amigo de Borges dende a mocidade, este dedicoulle varios poemas. Nun deles, «Epílogo», escrito logo da súa morte, Borges, logo de expresar a súa dor, de afirmar que tamén el morreu co amigo, e de repasar a xuventude compartida, remata con esta invocación:

                 Francisco Luis, del estudioso libro,
                 ojalá compartieras esta vana
                 tarde conmigo, inexplicablemente,
                 y me ayudaras a limar los versos.

Francisco Luis Bernárdez será co tempo o cuñado de Julio Cortázar. En realidade, Julio coñece a Paco antes que a Aurora. Por Julio sabemos que Paco levaba na carteira unha folliña, quizais de prímula, cortada na tumba de Keats en Roma e, recoñecendo a común afección polos sonetos del e do cuñado, chegará a afirmar que os sonetos son unha enfermidade de familia. 

Paco Luis Bernárdez

Ata aquí o artigo. Hai un poema de Paco Luís que é moi importante na Arxentina. Apréndeno os nenos na escola e Augusto Monterroso era quen de recitalo de memoria, mentres afirmaba que a poesía de Bernárdez influira en todos os escritores da súa xeneración. É o Soneto unitivo, do libro La ciudad sin Laura:

Tan unidas están nuestras cabezas
y tan atados nuestros corazones,
ya concertadas las inclinaciones
y confundidas las naturalezas,
que nuestros argumentos y razones
y nuestras alegrías y tristezas
están jugando al ajedrez con piezas
iguales en color y proporciones.
En el tablero de la vida vemos
empeñados a dos que conocemos,
a pesar de que no diferenciamos,
en un juego amoroso que sabemos
sin ganador, porque los dos perdemos,
ni perdedor, porque los dos ganamos.