SULEIMAN E SALÚA

Hoxe, nada máis saír do prelo, recibín da man de Xan Arias o primeiro exemplar do álbum SULEIMAN Y SALÚA, publicado pola editorial Trifolium, con ilustracións do pintor sirio residente dende hai anos entre nós, Alí Alí.

Foi por este proxecto que nos coñecemos Alí Alí e eu. Andaba el na procura dun escritor que tecese unha historia cos fíos da súa memoria de infancia, dos seres míticos que habitaban a provincia de Al Hassake e o lago Khatounie, nese territorio de montañas cara o leste, moi próximo a Turquía e a Irak, onde el naceu.

Procurei eu darlle corpo a esas lembranzas ou saudades e contei unha historia que ordenaba o material caótico da súa memoria, construíndoa a partir de dous personaxes, unha nai e a súa filla, que viven en algún lugar de occidente, onde chove moito, nai que tamén tece unha historia coa súa memoria, que coincide coa de Alí Alí.

Os personaxes fantásticos forman parte todos dese universo máxico, así como a árbore dos desexos e as illas do lago Khatounie. Chamoume a atención a condena que deben padecer as sereas no seu contacto coa humanidade, tanto alá como na nosa cultura tradicional. En Galicia, a serea da nosa lenda ten un fillo, pero ata que non bota de si o que nela hai de peixe ou de animal, non pode alimentalo, mentres debe padecer o tormento de ver como seu home amaga con lanzar o cativo ao lume. Esta serea da historia de Alí Alí ten un fillo cun pescador, pero é Hamfis, unha especie e tigre ou leopardo branco, quen llo rouba e o leva a vivir cos homes.

O universo do libro lembra o mundo marabilloso das Mil e unha noites e, amais da serea, son varios os elementos comúns entre nós e esa cultura que nos é tan afastada e tan próxima: a árbore dos desexos, o traballo da pesca, a vía láctea ou o eremita da illa que lembra a San Ero ou a San Amaro.

Alí Alí traballou durante un ano e medio no obradoiro Mil pedras, coa pedra litográfica para conseguir as vinte e unha ilustracións a toda cor, que gravadas no papel miden 1,20 x 1,00. A historia foi escrita en galego e posteriormente traducida ao árabe e ao castelán. O tradutor ao árabe foi Yassin Swehat.

Cunha das copias dos gravados, Alí Alí compuxo un libro descomunal, encadernado por ese mestre da encadernación que é Carlos Rey. Ese libro artesanal recollía o texto nas tres linguas. Durante un tempo soñamos con ir co libro a Damasco e Alepo, non o grande de máis de trinta quilos, si con este que agora sae, falando das dúas culturas que conviven nel. Pero ese soño é hoxe cousa difícil, por non dicir imposible.

Agora Trifolium edita a versión castelán-árabe. Confío en que pronto poidamos ter na man a edición galego-árabe, a que naceu aquela tarde noite na que Alí Alí e máis eu conversamos durante horas, no seu estudio, bebendo té, aprendendo a nos coñecer, espallando lembranzas.