ALI ALI E AS MULLERES LIBRES

Había moito que non vía a Ali Ali. Mudou de casa para a zona da Gaiteira e ten que coidar da súa filla Amal, conciliando co horario laboral de Pina. Mantén o estudio preto da nosa casa, pero pinta a deshoras. Vímonos o pasado venres, logo dunha mesa redonda sobre gravado e estampa organizado pola galería Monty, e na que participaba el.

Da galería saímos xuntos el, Maribel, Inma Doval e eu. Entramos nun dos bares clásicos do Monte Alto, El Huevito, na rúa San Xoán. Falamos moito compartindo mesa. El amosounos o seu último cadro, este que se ve a continuación, con meixengra na man dereita da muller. A min a súa pintura paréceme marabillosa, esa explosión de cor, a construción de arquitecturas e de mundos máxicos e somnámbulos, a expresión das mulleres, os animais. Hai algo que vén dende o eco das Mil e unha noites, tradición cultural que se nutre de moitos pobos e de moitos séculos. Pero tamén percibo algo moi moderno, sobre todo nun pintor que provén do mundo árabe coma el, porque sempre propón unha muller libre e dona de si.

Ali Ali último

Pero o que realmente me impresionou da noite, foi escoitarlle falar da situación que vive a súa familia na aldea onde el naceu. A aldea e a provincia están hoxe dentro do territorio que pertence ao estado islámico. Cada día sofren os bombardeos de avións norteamericanos, supoñemos que non tripulados. As bombas caen, sen discriminar demasiado, sobre os lugares nos que previsiblemente acampan e se organizan as milicias do novo estado creado sobre parte dos territorios de Siria e Iraq, pero que pode ser a leira dunha familia de calquera das aldeas. O irmán de Ali Ali quixo escapar coa súa familia, pero non chegaron a ningures e regresaron, tentando procurar amparo das bombas occidentais.

Conta Ali Ali que o outro día, a súa cuñada saíu da casa para ir a da sogra que queda á beira. Foi coa cara sen cubrir, tal e como viviu sempre. Por iso o seu home foi condenado a cincuenta vergallazos e dous días de prisión.

O cuñado de Ali Ali foi sorprendido fumando na rúa. Detido, recibiu oitenta zorregadas e pasou na cadea tres días.

Ali Ali móvese con dificultade pola complexa xeografía da política internacional. O seu país hoxe é un taboleiro de intereses contraditorios. Está, por unha banda, o que resta do exército de liberación, primeiro alimentado por occidente e agora abandonado e case aniquilado. O réxime de Bashar el Asad, logo dunhas eleccións imposibles, reivindica a súa legalidade pola forza; foi el quen armou en principio ao exército do Estado Islámico que agora combate. Este novo modelo de estado ocupa territorios ricos en pozos de petróleo e impón a súa lei: cruxificións, decapitacións, flaxelacións. E está, logo, o exército da xente que loita para si, organizado en milicias entre as que destacan esas que agrupa ás mulleres kurdas, con tanto protagonismo na liberación da cidade de Kobani.

Ali Ali cre na súa cultura de orixe, valora a liberdade, renega das intervencións de occidente en cada país do medio oriente, lamenta a realidade do novo estado islámico, alimentado polo réxime sirio e agora inimigo común. Nada é doado nesa tolemia. Escoitándoo falar pensaba en min. Que faría de me ver nunha situación como a súa? Como a de Ali Ali, digo, xa non como a do seu irmán ou o seu cuñado. Paréceme imposible manter o equilibrio e a lucidez nesta situación. Admiro entón, moito máis, as mulleres dos seus cadros, tan libres, tan vitais, tan namoradas da vida. Penso que así serán os milleiros de mulleres que decidiron loitar para si, nas brigadas de protección da xente, e lamento que tanto esforzo, tanta enerxía, tanto corazón, teñan que ser sacrificados na guerra e non disfrutados na paz. Ali Ali está con elas e, cada día, el pinta para esa paz das mulleres libres.