ANITA EKBERG

Anita.3Tardei moito tempo en saber que a muller que de maneira difusa formaba parte da miña primeira lembranza de vida, era a mesma que me cativou logo, sendo adolescente, cando vin La dolce vita, de Federico Fellini. Nesta película, ela comparte reparto e historia  con Marcello Mastroianni. Quizais esta foi vista nalgunha sesión do Cine Club Padre Feijoo de Ourense, ala polos anos 1972 ou 73.

Pero a primeira visión era de moi atrás. Acaso con catro anos,Loco por Anita.2 non podería concretar en cal dos cines que traballou meu pai, se no Xesteira ou no Yago, sei que vin cun só ollo, por un burato practicado por el no peitoril do palco e sentado no chan, unha película na que dous homes e un can, un gran danés de cor marrón, viaxan nun descapotable vermello na procura dunha muller. Dúas eran as lembranzas que perviviron. Nunha, dous homes viaxan no descapotable e entran nun túnel, un deles conduce, o outro vai á beira e o can vai detrás. Cando saen, é o can quen conduce. A memoria mesturou dúas secuencias, porque o can si chega a conducir o coche, pero non nese momento. A outra lembranza é dos homes e o can, xa no seu destino, acompañados dunha muller loira vestida de branco. Esa muller era Anita Ekberg.

Loco por Anita 1Co tempo fun sabendo que a película era Loco por Anita, título español, que en versión orixinal era Hollywood or bust, interpretada por Jerry Lewis, Dean Martin e Anita Ekberg e dirixida por Frank Tashlin en 1956. Hai anos, unha amiga portuguesa, ao saber esta miña historia, agasalloume cun vídeo coa versión en francés: Un vrai cinglé de cinéma. Por entón, descubrín tamén, que foi a última das películas que fixeron xuntos J. Lewis e D. Martin e que era anterior, en 4 anos, á de Fellini, que é do ano 1960.

Hai tempo, buscando información da miña Anita en internet, fíxome graza atopar unha referencia na que alguén ligaba os nomes dos actores cos personaxes: Jerry Lewis como Malcolm Smith; Dean Martin como Steve Wiley; Gran danés como Mr. Bascom; Anita Ekberg como ela mesma. Precisa a anotación, iso si, porque Anita, na película, só fai de si mesma.

Agora o meu amigo Francesc Torres rescata esta imaxe, tan afastada daquela primeira lembranza miña, pero tan fermosa. El escribiu ao pé: Marcello, come here! La muerte es una cabronada, por más sentido que le dé a la vida. Se ha ido Anita Ekberg.

Anita.1

Advertisement