PRESTIGE, UNHA SENTENZA, UN ESTADO

Pensaba escribir hoxe doutra cousa máis lírica, máis musical, máis fermosa, pero sinto que debo dicir algo sobre a sentenza ditada onte sobre o afundimento do Prestige e as súas consecuencias. Deixei pasar unhas horas, asomeime ao texto do tribunal, vin moitos comentarios. Agora, pasado o tempo, quixera reflexionar e, se é posible, compartir ou dialogar sobre algo que a moitos nos deixou atónitos.

A verdade é que xa non confiaba moito na xustiza. En xeral non confío nada na xustiza da marca España. Onte foi o Prestige, antes o peche en falso do accidente de metro en Valencia, logo Garzón, dende hai semanas imos advertindo por onde encamiñan a investigación, dilixencias e instrución da trama Gürtel e as súas derivacións: cambio de mandos policiais, resolucións xudiciais sobre asuntos relacionados coas iniciativas do PP na destrución de probas. Hoxe mesmo escoitamos e lemos as conclusións do fiscal sobre a infanta.

Dende a incredulidade, un certo noxo e fastío, penso que a sentenza asinada por Juan Luis Pía Iglesias, Salvador Sanz Crego e Mª Dolores Fernández Galiño, non fai máis que facer súa a sentenza previa ditada polo corpo social da nosa comunidade, que en sucesivos procesos electorais actuou como un gran xurado popular. Hai tempo que a maioría da sociedade galega expresou o seu ditame, absolvendo a calquera responsable e decidindo pasar páxina.

Afondar na investigación procurando botar luz sobre as causas, a cadea de decisións e as consecuencias, supoñía, sen dúbida, investigar o grao de culpa de cada quen. Só era posible garantir a inmunidade dos responsables negando a posibilidade de avanzar nas pescudas. E iso fixeron. Producen rubor as afirmacións do tribunal de que logo de once anos e tantos meses de vista, non foi posible investigar nada, nin sequera o destino final da carga do buque. Ler todo o que non se investigou, resulta revelador. Penso que elas, as Sete magníficas, os sete soles que durante tantos meses alimentaron a case cen mil voluntarios, non o entenderán.

As sete magníficas. Foto Maribel Longueira

As sete magníficas. Foto Maribel Longueira

Nese sentido hai que salientar a noticia que hoxe publica a prensa, en relación coa condena millonaria á empresa Chevron por parte dos tribunais de Ecuador e a iniciativa de procurar apoios internacionais para facer efectivos os embargos alá onde a empresa teñan bens. Non todos os estados nin todas as cortes de xustiza actúan igual, porque aínda que non se consiga que Chevron pague o sanción imposta pola sentenza, é evidente a diferencia de actitude con respecto ao noso. A conclusión en Ecuador é clara: quen contamina, paga.

A sentenza do Prestige é unha mostra máis da excelencia da marca España, marca da que eu quixera borrarme. De poder non estaría aquí e non descarto afastarme en canto poida. Cada día sinto máis forte a presión, a dificultade para vivir en liberdade, a perda da condición de cidadán. Procuramos ser felices nunha sorte de exilio interior e loitamos contra a resignación, pero, ao cabo, sigo, ou seguimos, a ser cans que ladran polas esquinas, comentario que ninguén retirou, palabras ditas contra centos de miles de nós.

Expresado todo o anterior, debo dicir tamén que manteño unha relación constante co mar de Lira, un dos máis afectados entón. Imaxes coma esta que recolle o vídeo que vos convido a ver e que non son de alí, pero si da costa coruñesa, falan dun mar que loita por recuperar o pulso e con ser de novo un mar de vida. Este verán eu asistín a varios espectáculos coma este:

O vídeo anterior pertence a Carraxe Wave Produztions, tan bo nome para o día de hoxe. E para mar de vida, esta canción La mer, de Charles Trenet, que a min sempre me gustou e que vén sendo coma un brillo de ondas nun mar en calma.