LABORATORIO APIARIO

Apiario LaboratorioHai poucos días estiven en Apiario, convidado por Antía Otero e Dores Tembrás. Participaba nunha das sesións dun obradoiro literario dedicado a Julio Cortázar.  Debía falar algo sobre a relación do autor dos cronopios connosco, e intervir na lectura común do relato La señorita Cora. Paseino moi ben e sentinme moi a gusto, acollido por Dores e Antía, compartindo o devalar da tarde cos asistentes ao obradoiro.

Laboratorio Apiario é un proxecto singular e que me interesa moito. O nome está relacionado coa actividade das abellas e é sinónimo de alvariza. Apiario, alvariza, conxunto de enxames, e cada enxame resultado colectivo da actividade individual dos seres que o forman. Creo que esa é a idea, porque así é a cultura e este é un proxecto económico e cultural que toma a comunidade como referencia.

Supoño que Apiario poderá ir medrando e ampliando ámbitos deApiario logo exploración e de traballo, pero xa de nacemento a súa proposta consiste en combinar a actividade editoiral independente e libre con iniciativas de formación literaria, a través de obradoiros e cursos de escrita en centros escolares ou empresas, clubs de lectura ou encontros con autores.

Como editorial vai prestar atención a novos valores da escrita e da ilustración. Tres son as coleccións con que inician o camiño: Cera labrada (poesía), Niño de abella (infantil) e Abella mestra (ensaio). Na primeira colección publicaron xa o libro Celebración, de Gonzalo Hermo, autor nacido en Rianxo, tal día coma hoxe, hai 28 anos, que xa publicou en 2011 o libro Crac e que forma parte das Redes Escarlata. Del é este poema:

TES A IDADE da túa pel,

pero a memoria é vella de máis para entendelo.

Repetirei o teu nome cando sexas outro
para evocar
aquilo que perdín e amei fondamente.

A linguaxe dura.

Os corpos non.

Apiario 1

Para inaugurar Niño de abella, optaron por un fermoso texto de María Lado, Porque Cuqui non quere ir á lavadora, con ilustracións de Yanina Torres Tuirán. É este un libro co que todos os nenos estarán conformes e que todo adulto debe ler, porque fala da relación tenra e fermosa entre nai e neno e aclara as razóns polas que non convén lavar a máquina o osiño das noites.

Anúnciase, tamén a publicación: Poesía Hexágono. Ollada e Experiencia. Proposta e resposta nas aulas, con achegas de Yolanda Castaño, Estíbaliz Espinosa, Carlos Negro, Celso Fernández Sanmartín, Antía Otero e Dores Tembrás.

Deixo aquí o enlace á entrada na que VivirNaCoruña presentou este proxecto. Apiario non está moi lonxe da iniciativa de Lucía e Daniel. Aínda que Apiario ten como ámbitos de actuación a  formación e a edición e VivirNaCoruña a información e a comunicación, ambos son proxectos de xente nova, emprendedores nun mundo tan difícil e complexo como é a cultura, que enchen baleiros existentes e que pretenden facer visible e poñer en valor unha parte do esforzo que desenvolvemos como colectividade, o esforzo creativo e innovador, tan pouco cotizados.

http://vivirnacoruna.es/eventos-literatura/apiario-unha-editorial-baseada-na-comunidade/

A miña experiencia con elas foi formidable e podo dar fe de que o Laboratorio vai máis alá do experimento e ten na praxis, no empírico, un alicerce fundamental, velaí, senón, as madeleines de Proust preparadas por Dores e que, xunto cos tés e outras herbas, amenizan as tardes e que traen recendos de literatura maior, exactamente o que se coce e enforna no laboratorio.

Advertisement