A Crisanto Lamela Rozas, curioso lector desta sorte de bitácora dos días.
Nada máis pasar Lariño, vindo de Muros ou antes de chegar ao núcleo, se un vén de Lira, a vella estrada agora sen tránsito debuxa unha curva contra o lado do monte. Trátase dunha área de descanso, nunca mellor dito, pero non para os condutores, aínda que algúns paran, en especial para xantar ou botar unha soneca no verán. Pero quen descansa aí son os veciños de Lariño que pasean pola estrada nun ir e vir sen tempo.
Hai varias semanas, La Voz de Galicia, nunha sección que ten sobre curiosidades do país, ou do Impaís, que diría Xavier Alcalá, publicou esta foto, na que baixo un alpendre como de espera de autobús, pero de costas á estrada e con panel informativo, algúns veciños deron en habilitar unha sala de estar ou área de descanso para o seu camiñar de ida e de regreso pola gábea. A noticia interesoulle moito ao meu amigo Crisanto, por iso vai a el dedicada esta entrada, penso que a primeira que dedico nos anos que leva aberta esta xanela ao mundo.
Neste lugar, hai anos, ceibei eu unha víbora. Sucedeu que un exemplar aínda novo, apareceu no rueiro, xusto diante da nosa casa en Sestelos. As veciñas que pasaban para a misa, pedían a berros que alguén a matase. Eu saín, convocado polo escándalo. Con dous paus conseguín collela, introducíndoa nun tarro de cristal. Quixen facer da ocasión lección de ciencias. Convoquei os nenos e indiqueilles como identificala: a cabeza triangular, coas glándulas do veleno detrás dos ollos, o centro do corpo máis ancho ca cabeza, o debuxo dorsal. O animal, sometido a estres, non deixaba de evacuar. As veciñas berraban: Mata a esa bicha!, Mátaa!, pero eu acordei que era mellor devolverlla á natureza. Fun ata este sitio, cando aínda non había cuberto nin cadeiras de brazos, abrín o tarro e lanceina contra o monte. O azar quixo que o seu corpo quedase prendido dunha silva, da que non se podía liberar. Con outro pau e con coidado, conseguín encamiñala monte arriba.
Diante do espazo de descanso veciñal, alguén construíu este altar. Vense na contorna, sobre todo na zona de dunas dos areais, altares con candeas e animais mortos. Supoño que responden a algún tipo de rito pagán. Non creo que sexa este o caso. A cruz, as flores, o círculo das pedras, falan, quizais, dun espazo deseñado por alguén para enterrar as cinzas dun ser querido. Alguén que acaso expresou o desexo de ser ceibado aquí, diante da praia, en eterna comuñón coa terra. En calquera caso, un espazo de memoria, aínda que eu ignore o significado exacto, xusto no lugar no que sucedeu o da víbora. Outro xeito de entender o descanso.