OS LIBROS

Intensa actividade a destes días arredor dos libros. A semana pasada, presentabamos Versos no Olimpo -O Monte do Pindo na poesía galega-, edición da que somos responsables Miro Villar e eu e editado por Toxosoutos. Primeiro foi en Compostela e o sábado no Pindo. Estivo ben en Compostela, pero no Pindo foi fantástico, a presentación transformouse nun festival e non só porque había público, porque estaban oito dos autores que participan nel e que recitaron os seus versos, senón porque xente do público, animada polo momento, tamén recitou poemas. O libro foi pensado para dotar a asociación Monte Pindo Parque Natural de recursos, nun tempo difícil, no que a achegas públicas son practicamente inexistentes.

Presentación "Versos no Olimpo", na confraría do Pindo “Versos no Olimpo”, na confraría do Pindo. Imaxe Maribel Longueira.

O venres 28 de xuño, acompañaba a Xosé Manuel Núñez Seixas, Ramón Villares e Javier Jiménez, o editor de Fórcola, na presentación de Cadernos de Rusia, de Dionisio Ridruejo. Onte luns estiven con Correa Corredoira na presentación do seu poemario Fibra de poliéster, en Vigo. O venres día 5, nesa mesma feira, dialogarei con Antón Ribeiro Coello, sobre as nosas novelas Laura o deserto e A noite branca. Modera desta vez Ramón Nicolás.

Hai períodos de tempo así, nos que se acumula traballo e compromisos, tempo que nos esixe, tanto dende o punto de vista intelectual, como físico e, tamén compre dicilo, económico. Intelectual porque un debe ler, reflexionar, pensar que vai dicir e expresalo. Físico porque hai que ir aos sitios, regresar a casa tarde polas noites, durmir pouco. Económico porque os gastos de ir e vir, normalmente, corren a cargo de cada un. Isto non é unha queixa, é só unha evidencia, pero que non se nos diga que todo se move só polo interese e polos cartos. Toda esta actividade forma parte da amizade, do amor que temos polos libros, pola palabra e, tamén, da solidariedade entre nós, hoxe por un, mañá por outro, así que non hai lamento. Somos moitos os que cremos que o libro, hoxe, sobre todo hoxe, debe ser acompañado. Hai que darlle aire, presentalo, facelo visible, sacalo á rúa, e niso andamos, convencidos de que, malia que aquí os ventos sexan contrarios, a lectura -dáme igual o soporte- segue sendo fundamental para transformar e articular unha sociedade mellor.

Ás veces preguntámonos cal é a razón pola que os islandeses, poño por caso, foron quen de enfrontar a políticos e banqueiros, xulgalos e envialos ao cárcere cando procedeu. Quizais a razón está nesa noticia que leo hoxe no xornal, de que alí a media de lectura de cada persoa é de 40 libros ao ano. Non esquezo que, dende hai uns días, cazan baleas de novo, actividade que semella en contradición co ser do lector, pero tamén sei que o movemento en contra desa medida, alí, é forte.

Onte de madrugada, volvendo de Vigo con Correa Corredoira, comentábame que non superariamos a actual crise moral e de valores, tamén a de supervivencia como especie, mentres seguisemos mantendo un sistema social, económico e alimentario, baseado na morte do outro, e o do outro non se refire só a seres humanos, que tamén. Quizais teña razón, en calquera caso, a cousa dá para pensar.

Mentres, os libros e as cousas que nos din, feliz encontro co outro, cos outros, sen conflito e sen tregua.

FEIRAS DO LIBRO

Non chegou a primavera climática, pero estamos xa no tempo das feiras do libro, días de seráns longos e recendos cálidos.

Antón Riverio Coello e eu, acordamos presentar á Federación de libreiros, un proxecto para estar participar nalgunhas das feiras do país, a partir das coincidencias e diverxencias das nosas últimas novelas, Laura no deserto e A noite branca. Dúas novelas, dúas editoriais (Galaxia e Xerais), dous autores e un presentador-condutor en cada localidade, nun modelo pouco empregado ata agora entre nós e que pretende, en tempos difíciles, crear vínculos e fortalecer a imaxe do noso sistema literario.

O título que acordamos para a actividade é: A noite no deserto. Un diálogo sobre a novela e a construción da memoria.

A proposta consiste nun diálogo entre dous escritores que, ao mesmo tempo e sen saber un do outro, escriben dúas novelas narradas nos dous casos dende catro voces, que se desenvolven a través dun período histórico semellante e que tentan recuperar unha parte de memoria colectiva, silenciada ou esquecida, a través, fundamentalmente, do periplo vital de dúas mulleres e que se asoman, ademais, a ese escenario enorme e brutal da II Guerra Mundial.
Para quen poida estar interesado, vai este anuncio, indicando os lugares nos que estaremos e os amigos que nos acompañarán:
Santiago, venres 3 de maio, con Armando Requeixo.
Ourense, venres 7 de xuño, con Manuel Outeiriño.
Vigo, venres 5 de xullo, con Ramón Nicolás.
Rianxo, sábado, 27 de xullo, con Xerardo Agrafoxo.
A Coruña, venres 2 de agosto, con Eva Veiga (pendente de confirmación definitiva).