Hai días, ao fío dunha xornada sobre patrimonio local, o alcalde, Moncho Noceda, anunciaba o inicio das xestións para poñer en valor tres dos principiais petróglifos con que conta o concello e dos que sabemos grazas, en boa medida, ao traballo de investigación e divulgación de José Cernadas, canteiro de profesión, arqueólogo por paixón.
Son moitos os petróglifos gravados nas laxes dos montes de Muros e Carnota, feitos por membros dunha mesma comunidade ancestral. Dos situados no territorio de Muros, quizais habería que salientar o da Laxe das Rodas ou o da Cova da Bruxa.
Os tres elixidos polos responsables do concello, son unha boa mostra da riqueza arqueolóxica agochada nos montes da contorna.

A Laxe da escrita
A Laxe da Escrita ofrece a singularidade deses barcos ben marcados e, tamén das cruces e nós gordianos, unhas veces integrados nun círculo e outras non. É esta unha laxe sobre a que se superpoñen imaxes gravadas en momentos diferentes da historia, sendo os círculos concéntricos e coviñas o substrato máis antigo. Sobre eles gravaríanse os barcos, probablemente no período Alto Medieval, representando as embarcacións dos invasores do norte e do sur que ancorarían as naves na Foz de Carnota. Descoñezo a orixe, período e significado das cruces e nós. Conviría, iso si, retirar o cartel situado á beira, colocado alí pola Fundación Arao, que nos conta, entre outras informacións inexactas, que os barcos son fenicios.
As Laxiñas é un petróglifo grande e complexo, no que destacan os círculos concéntricos, moitos con sucos de conexión e algúns gravados aproveitando o relevo da rocha, pero no

As Laxiñas
que tamén podemos atopar unha espada que nos axuda a datalo, algunha figura animal e moitas coviñas.
Pero na miña opinión, o conxunto máis singular é o que se atopa no outeiro do Filladuiro, sobre o Castro de Mallou. Na parte superior o gravado de seis círculos concéntricos con doce radios e coviñas arredor, quizais nos fai invocar ao sol. Pero algo máis abaixo está esa imaxe que Fernando Alonso Romero, Maribel Longueira e eu, decidimos definir como “enigma na pel da pedra”, que ese foi o título do libro que publicamos sobre el, na editorial Toxosoutos. Sempre dixen que a min esta imaxe faime evocar a Mater Gallaecia ou algún dos outros cadros de Luís Seoane, nos que o pintor traballa a figura feminina.

Círculos petróglifo O Filladuiro
Dende a liberdade que sempre invoco, eu interpreto o petróglifo do Outeiro do Filladuiro ou, como propón Gonzalo Navaza, Laxe da Afilladoira, como reprodución e representación esquemática dun destes seres anteriores á memoria, deusa da terra, señora da fertilidade que aparece no gravado cos seus atributos. Vexo aí a silueta de alguén, muller quizais, figura que o artista anónimo abstraeu dun xeito semellante a como o fará Seoane tantos séculos despois. Muller sobre pedra e habitando nela, con neno no colo que lle nace do ventre, ese baleiro central por debaixo do cal se sitúan os órganos relacionados coa reprodución e coa sexualidade. Á esquerda da figura, na parte inferior, un podomorfo, que semella indicar o xeito de acceder á laxe.
E as xentes en feituras figuradas
entre as pedras do mundo compoñendo
danzas xucundas, ritos de dominio.
Acaso estes tres últimos versos do soneto Petróglifo de Darío Xohán Cabana, sexan un bo xeito de rematar, porque neles aparecen recollidas todas as ideas que eu podería expresar e sabemos, que a poesía, é a única linguaxe que, ás veces, permite unha aproximación ao incomprensible ou inexplicable, como o é o petróglifo do Outeiro do Filladuiro.

O Filladuiro
Todas as imaxes son do amigo Lino Lema.
42.883000
-8.550000