A fin de semana pasada, celebrouse no Freixo, concello de Outes, o XI Encontro de embarcacións tradicionais de Galicia, que cada dous anos promove a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial. Son estes tempos difíciles, tamén para iniciativas como esta e, aínda que o número de embarcacións convocadas era menor ao doutros encontros, non foi menor a emoción de contemplalas atracadas e abarloadas no porto do Freixo e navegar a ría de Muros-Noia en días de sol.
O sábado pola tarde vivimos un acto particularmente emotivo, con dúas homenaxes, unha aos carpinteiros de ribeira do Freixo e outra, non agardada nin programada, pero non por iso menos xusta e emotiva, que foi o recoñecemento da Federación ao labor desenvolvido durante os vinte anos de encontros por Lino Lema Bouzas. Lino lembrou que hai vinte anos, no primeiro dos encontros celebrado en Ribeira, viñera o barco portugués Fe en Deus, que volveu este ano. Outra embarcación portuguesa participante no encontro foi a María dos Anxos.
O domingo pola mañá tivemos ocasión de navegar na que quizais é a última embarcación en se incorporar a esa flota de ilusión e de esperanza que son as embarcacións tradicionais galegas, o racú construido por Xerardo Triñanes no seu asteleiro de Cabo da Cruz, pensado como prototipo que amosar a aqueles que queren facer navegación a vela, tentando demostralles que unha embarcación tradicional, en madeira, é tan mariñeira e pode ter tantas comodidades como calquera das de fibra que se ofrecen por aí. O racú de Xerardo, bautizado como O Laberco, en lembranza dun tío seu, ten o seu luxo, a súa confortabilidade, a seguridade, representada polo dobre casco e, sobre todo, a fiabilidade dun barco ben feito. Habilitado para navegar a vela e a motor, o barco ten camarote con tres liteiras e cuarto de baño.
Navegamos primeiro polo Mar do Freixo, para logo, tras pasar por diante da illa da Creba, cruzar ata Portosín. Na illa xa non está a Virxe que invocaban mariñeiros e pasaxeiros do Carreto, cando recitaban: Indo polo mar abaixo/ o aire rifoume a vela/ Nosa Señora da Creba/ deume o pano para ela. Chegamos ata Muros e demos volta, nunha mañá de mar amenizada polo saber gaiteiro de Pablo Carrera.
Entramos en porto acompañados pola xeiteira Nova Mariña, esa embarcación que supuxo o principio de todo o movemento de recuperación deste noso patrimonio marítimo, réplica daquela Mariña atopada na marisma de Caldebarcos por Staffan Mörling, hai agora 22 anos. Todo un símbolo, a primeira embarcación e a última, navegando xuntas, a Nova Mariña con Uxío en proa, outro símbolo.
Na homenaxe aos carpinteiros de ribeira do Freixo, descubriuse unha placa cun poema de Antón Avilés de Taramancos, ese tan fermoso, incluido no libro As torres no ar, no que o traballo dos carpinterios propio ser do poeta:
Na outra banda do mar constrúen o navío:
o martelar dos calafates resoa na mañá, e non saben
que están a construír a torre de cristal da miña infancia.
Non saben que cada peza, cada caderna maxistral
é unha peza do meu ser. Non saben
que no interior da quilla está a médula mesma
da miña espiña dorsal; que no galipote a quencer
está o perfume máxico da vida.
Que cando no remate ergan a vela, e a enxarcia
tremole vagarosamente no ar
será o meu corazón quen sinta o vento,
será o meu corazón.
O noso corazón. Dende aquí desexarlle longa vida aos encontros de embarcacións tradicionais e bo vento para as velas das nosas vidas.
(Todas as imaxes son de Maribel Longueira)