MONTE PINDO: PETRÓGLIFOS E LOBO

Os aguillóns e o Outeiro do NarizMagnífica excursión a de hoxe ao Monte Pindo. Só chegamos a Chan de Lamas, dende os muíños de Vadebois, pero foron cinco horas fermosas e intensas. A expedición estaba formada pola autoridade de Fernando Alonso Romero; a alegría de Violeta, Gabriel; os pais Inma, Xacobe, e logo Maribel e eu. Canto máis subo con Fernando ao Monte máis me afirmo na idea de que poucos o coñecen coma el e poucos, tamén, teñen unha concepción tan clara da súa complexidade antropolóxica e arqueolóxica.

Choveunos en varios momentos. Chuviscas frías nun ceo que cambiaba entre o escuro ameazador e os máis fermosos arcos da vella. Moitas sorpresas. A primeira, a observación de varias pegadas de lobo. Falaba o outro día con Mario Maceiras e dicíame el que xa se observaba a recuperación de especies no Pedregal, o regreso da vida, logo de tanta morte. Nós hoxe vimos paxaros, se cadra lavercas e escribentas, pero, sobre todo, vimos as pegadas do lobo, de corzo e quizais furón. Tamén de xabarín. Esta imaxe é particularmente interesante porque nela, amais dos pneumáticos, vense claramente dúas de lobo, pata dianteira e traseira, a do corzo e a do outro animal pequeno, acaso mustélido. A observación das pegadas confirma o que me contou Mario o pasado sábado, de que se vira un lobo.

As pegadas son en Chan de Lamas. Do lobo xa viramos outras antes, na pista que ascende dende as alvarizas, claras, pero máis castigadas pola chuvia e menos marcadas. Máis adiante puidemos apreciar unha secuencia longa das do corzo.

Pegadas

Calzada CurrusalPero ademais, logo de xantar en Onde se adora, xa de regreso, no Camiño do Currusal, preto da calzada que nalgún tramo aínda se amosa impresionante, vimos de novo, grazas a Fernando e logo de tantos anos, vinte e cinco, quizais, o petróglifo tantas veces buscado por min e  nunca atopado, para amosarllo a César Cambeiro e a Belén Campos, de Xurde Caldebarcos. O petróglifo, situado nunha peneda, no outeiro do Currusal, está composto de varias coviñas, dous conxuntos de podomorfos, con dous pés paralelos cada un, un grupo orientado exactamente na dirección leste-oeste e o outro, tamén con exactitude, na norte-sur. Hai tamén unha cruz, seguramente medieval e varias formas de difícil identificación.

Cruz Currusal

Podomorfos e cociñas

O día foinos axudando, esquivando os chuvascos máis fortes ata chegar aos coches, pero antes ofreceunos unha visión plena da Berberecheira, que nestes días de lúa enche ata o límite e que baixo a luz da tarde víase así,

Berberecheira