Coñecín a Marta López Luaces en Nova York, no mes de outubro de 2014. Nese ano os dous participabamos no Festival de Poesía das Américas. Ela dá clases de literatura española e latinoamericana en Montclair State University. Pero naceu na Coruña, cidade á que regresa de cando en vez e na que nos vimos o pasado día 13.
Cando nos coñecimos, agasalloume cunha novela: Los traductores del viento, da que xa deixei constancia aquí no seu momento:
http://fernandeznaval.blogaliza.org/2014/11/11/marta-lopez-luaces-los-traductores-del-viento/
Agora recibín dela o seu último libro de poesía: Después de la oscuridad, publicado por Pre-Textos, Poesía, que presentou estes días por España adiante, e no que atopamos certos elementos comúns coa novela: o tempo mítico e do inicio do saber, a pescuda na evolución do ser humano, a inocencia, a morte e a esperanza.
Ordenado en cinco partes: Agua, Tierra, Fuego, Aire, Quark, o libro propón unha viaxe poética a través da historia da humanidade comprendida dende o mito, a filosofía, a poesía, a ciencia, ata esa parte final, Quark, nun mundo dominado polo usurpador dos soños que non dorme.
Y así era al principio:
El imperio del Sur reinaba sobre nuestras cabezas
Y éramos gigantes jugando con los dioses
Con eses versos inicia Marta o libro, nun tempo de titáns no que había visións, había soños, había formas, había sustancia, había materia, había elementos del poema como racimos de esplendor.
Tempo de Pitágoras, de Tales de Mileto, de Heráclito, da biblioteca de Alexandría, cando sobre as nosas cabezas chovían estrelas e a primavera era dádiva do verde e da palabra.
Hai versos, expresións que se repiten como salmodias, velaí ese: El imperio del Sur reinaba sobre nuestras cabezas, que nos remite a unha idade de prata, aínda que sabemos que o usurpador dos soños sempre está ao axexo. Salientar o importante papel que xogan no libro os espazos en branco, os silencios, nun longo poema en cinco partes de linguaxe limpa, suxestiva, que fai levitar os versos, que se manteñen no aire como a memoria do que somos, que enfían na súa rítmica sucesión, ritmo e harmonía vinculados ás emocións que en nós produce o texto que avanza na procura dun sol que brillou e que acaso aínda brilla, malia os tempos.
No libro hai espazo para o tempo bíblico, para os días do renacemento, para Copérnico, Galileo, Kepler, Newton, Diderot e, en todas as idades polas que transcorre a viaxe, atopamos fame, sede, dor, tamén desexo, e a sombra axexante do usurpador. Na primeiras catro partes o Imperio do Sur reinaba sobre as nosas cabezas. Así ata o final, ata ese Quark no que é o Imperio do Norte quen reina sobre nós. É este tempo final o da conquista dos límites, o tempo do terror representado nas figuras de Lorca-Nemirovsky-Tsvetaeva-Hernández-Celan e os ecos de Hipatia-Sócrates-Bruno-Sor Juana-Benjamin, pero tamén en Auschwitz, a Guerra Civil, o Pazo da Moeda, de Armenia, Bosnia ou Siria. É este un tempo no que xa non somos xigantes xogando cos deuses, malia intuír a partícula de Deus, no que vivimos o esgotamento, a cólera, o odio ao saber, a guerra como espectáculo. Pero seguimos a ser os grandes tecedores de soños, e temos a poesía, que sempre está connosco, e vemos voar os paxaros cara o eterno, e sempre, sempre, somos luz de esperanza.
El Imperio del Norte reina sobre nuestras cabezas
Y Greenwich es el nuevo tiempo.