VIVIRNACORUNA. ORGULLO DE PAI

Perdón, pero hoxe toca compartir o contento e o orgullo de pai. Para Lucía e Daniel, esta pasada foi unha fin de semana intensa. O seu proxecto http://www.vivirnacoruna.es, axenda cultural da cidade, foi presentado en varios foros, obtendo en todos o recoñecemento e abrindo portas de futuras colaboracións. O momento máis especial foi cando o sábado recibían a notificación de que se lles concedía un dos premios outorgados por Smart Coruña. Encántame esa máxima de Lucía, aprendida do seu avó: “o caldo é a raíz do corpo”, porque é verdade e o caldo é, seguramente, o que lles permitiu manter o ritmo de traballo e a tensión destes últimos meses, ata poñer en marcha este proxecto.

Salientar que vivirnacoruna non é só unha axenda cultural, senón que tamén publica contidos interesantes, como a entrevista a Manuel Álvarez Torneiro da semana pasada ou a reportaxe sobre as “Arquitecturas interiores” de Carolina Fernández..

Velaí están os responsables dos tres proxectos gañadores en Smart Coruña:

 

Advertisement

JAMILA PUROFILIN E SONGS CORTÁZAR

Hoxe pola tarde vivín un momento moi agradable, conversando con Jamila Purofilin, a cantante cubana afincada dende hai anos en Galicia, que está en xira presentando o disco JULIO CORTÁZAR SONGS, con cancións compostas a partir de textos do escritor arxentino. Unhas cancións son súas, compartindo nalgunhas a autoría con Paulinho Lêmos, pero tamén hai unha de Pablo Milanés. Os arranxos son de Fred Martins e Wilfredo C. Mondeja.

Xuntámonos na libraría Colón, convocados pola axenda cultura http://www.vivirnacoruña.es, proxecto de Daniel e Lucía Pita. A conversa, distendida, foi un pracer. Falamos de Cortázar, unha paixón compartida, e da música. Daniel, que era quen nos convocaba, propiciou a conversa dende o principio, con preguntas e comentarios pertinentes.

Non tivemos público, pero penso que hoxe foi unha desas tardes fermosas, nas que un sente o nacer da amizade. Jamila e eu fixemos intercambio de agasallos. Eu dinlle a tradución do relato Autoestrada do sur, publicada por Trifolium e ela obsequioume unha gravación feita como adianto do disco. Jamila non tivo inconveniente en cantar para nós fragmentos de cancións, coa súa voz cálida. Na súa opinión, os poemas de Cortázar, de verso libre, que son os empregados, posúen un marabilloso ritmo interior que facilita a composición e a variedade de textos deu, tamén, unha variedade de estilos e de músicas: tangos, boleros, milongas… Aí deixo esa mostra do seu facer, primeiro un fermosísimo Bolero inexplicable, un dos seus clásicos, o segundo Blues for Maggie, segundo o texto de Cortázar, publicado nese libro recente titulado Papeles inesperados.


VIVIR NA CORUÑA

Parece, pero non é, ou non é o que parece, que non son os tempos para andar de parranda e durmir de pé. Iso si, para todos aqueles que vivan na Coruña ou na súa contorna, para os que se acheguen por aquí de cando en vez, ou para calquera que teña curiosidade, deixo aquí o enderezo da axenda cultural que están promocionando xa Lucía Pita e Daniel Fernández Longueira, proposta de información cultural que alcance a todas as iniciativas, modalidades, dinamizadores, organizadores e locais, dende o máis institucional ata o bar de barrio.

Se vos apetece, eles agradecerán que entredes de cando en vez, porque a vixencia do proxecto dependerá do número de entradas e estas, claro, da calidade do que ofrezan. Como veredes, e iso pode ser unha boa desculpa para entrar, non só ofrecen información, senón tamén comentarios, entrevistas e información complementaria sobre o que foi ou que será.

Isto é o que debedes copiar na barra superior do buscador: http://vivirnacoruna.es/

gala-mestre-mateo.jpg