DE GALICIA A NOVGOROD

Hai tres anos, tal día coma hoxe, iniciabamos a aventura que nos había levar dende A Coruña ata Novgorod, seguindo coa maior precisión posible o percorrido realizado pola primeira quenda da División Azul, entre os meses de xullo e outubro de 1941. Once mil cincocentos quilómetros entre ida e volta. Aquela viaxe foi consecuencia do proceso de elaboración da novela A noite branca, e tivo un efecto fundamental sobre o resultado final.

Coincidimos, Maribel e eu, na nostalxia que sentimos cando pensamos naqueles días e, tamén, en que a dimensión da viaxe medra co paso do tempo. Cando chegamos, traiamos varios milleiros de fotografías, pero ao pouco tempo, un disco duro externo caeu ao chan, avariándose. Nel estaban as imaxes dos lugares da fronte, de Novgorod, de Treblinka. Iso fíxonos desistir da idea de producir unha exposición e percorrer o país acompañando as imaxes coa palabra, contando como fora a experiencia. Enviamos o disco a varios lugares fóra de Galicia e consultamos tamén con talleres de recuperación de información fóra de España, pero ninguén conseguiu nada e nós demos as imaxes por perdidas. Pero estes días, quizais como agasallo polo aniversario, do fondo do ordenador grande de Maribel, empezaron a xurdir imaxes, copia das perdidas. Entre as recuperadas están algunhas moi importantes.

Quero celebrar convosco este encontro e o aniversario, importante para nós, con algunhas desas fotos. Podedes ver a que indica a entrada en Maloyé Zamoshye, lugar dunha das batallas nas que participou Alfredo. Tamén a Pavel Tenderá, o noso guía polos camiños e pistas do bosque, cortando leña, momento no que aparece Galina nas nosas vidas. Como no interior da súa casa nos conta a súa lembranza da batalla, memoria de nena de 11 anos. Como nos agasalla con té, mortadela, galletas, caramelos, sopa, con calor e con cariño.

Tamén podedes ver as cúpulas do templo do interior do Kremlin de Novgorod. Sobre a cuberta de pan de ouro está a cruz da lenda. Contan que Iván IV Vasilievich, (Iván o Terrible), diante do templo, asegurou que mentres a cruz estivese sobre a cúpula, Rusia nunca sería conquistada. Esa cruz foi traída a España polos divisionarios, xa que caeu durante un bombardeo. Vese que o Tsar non tiña razón, porque Rusia liberouse, precisamente, cando a cruz cedeu. O goberno español devolveuna case sesenta anos despois.

A outra é o cartel que anuncia o campo de Treblinka. Faltan por se manifestar todas as imaxes do que foi campo de exterminio.

Advertisement