PAISAXE DE BATALLA

Hoxe, tras mes e medio de espera, atopeime con mar de inverno. Nestes últimos días botábao en falta, afeito a convivir con el todos os anos. O que atopei no paseo que vai dende a casa en Sestelos ata a Boca do Río, foi un mar desatado e salvaxe, unha natureza vencida polo vento e pola auga, a visión dun territorio familiar vestido hoxe dunha desacougante beleza.

A praia transformada

A praia transformada

A icona de Mar de Lira, agora símbolo dun naufraxio

A icona de Mar de Lira, agora símbolo dun naufraxio

Antes xa María me puxera ao tanto. Mal ano, dixera, cinco mortos na parroquia e dous barcos perdidos, un deles o da confraría. Si, o Novo Belay, o que quixo ser abandeirado do proxecto Mar de Lira, un vello pesqueiro de Fisterra, adquirido e restaurado para navegar de novo, agora con outra función, habilitado para facer turismo, para levar viaxeiros, tamén persoas con discapacidade. Fixéramos nel, no verán do ano 2011, unhna viaxe inaugural, de Lira a Caldebarcos, logo toda a Costa das Crabas e o Pindo, pasando por diante das Lobeiras. Isto é o que resta del.

Paisaxe de batalla, pero aínda non despois da batalla. Moita natureza morta: medusas, paxaros, cetáceos. Atopei os corpos de 6 araos e 4 frailecillos. Un dos araos aínda vivía cando o atopei. Deixouse coller e procurou a miña calor. Fíxenlle un niño mentres buscaba algo para protexelo ata a casa, porque chovía e non tiña onde metelo. Cando volvín xunta del, xa estaba morto.