MANUEL MARÍA

O pasado día 8 conmemorouse o décimo cabodano do pasamento de Manuel María, Manuel, para os amigos. Non esquecín a data, pero non escribín no día, malia ter intención. O certo é que agora levaba días con certa ansiedade por non lembrarme del neste recuncho de afectos, soños e esperanzas. Non o fixen porque non atopaba esta foto que acompaña o artigo. Quería que fose esta imaxe, e non outra, a que ilustrase esta pequena homenaxe a Manuel. Non a atopaba e, ademais, como sucede tantas veces, sufrín traizón por parte da memoria, xa que eu pensaba que o que tiña era fotografía de calidade e en papel, e non este recorte de xornal, pero aínda sendo cuestionable a calidade, a foto paréceme fermosa, os cinco camiñando, os catro arredor del, nun espazo tan singular para el como os Xardíns de Méndez Núñez, alí onde está a escultura de Asorey que lembra a Curros. Esa tarde tocaba recitar xuntos nunha carpa instalada nos Xardíns.

Manuel_0002

Eramos veciños, dende que Manuel e Saleta viñeron vivir á Coruña. Atopabámonos ás veces nunha esquina do Campo da Leña, diante do bar Porta do Sol. Alí prendiamos na conversa que sempre duraba de máis. Eu, por estar a cuberto e falar máis devagar, dicíalle sinalando o bar: Manuel tomamos algo?, e el sempre me respondía que o agardaba Saleta para cear. Ao final despedíame con aquel saúdo tan seu: Pórtate mal e pásao ben!.

Tiven a ocasión de entrevistalo para a revista Tempos, na súa casa, acompañando a conversa cunha tisana de boldo, que Saleta sempre preparaba a media tarde. A miña relación con el, con eles, medrou nese tempo no que coincidimos na Coruña. De antes lembro as súas intervencións nas noites de Ribadavia, cando inventabamos o que logo sería o teatro galego actual, nos días de Histrión 70, nos que eu enredaba entre as bambolinas. Lembro, tamén os debates públicos que mantivo durante o I Congreso de Escritores en Lingua Galega, celebrado en Poio, se non lembro mal no ano 1981. E claro, a lectura dos seus versos.

Hai dous anos escribín un longo texto titulado: BERENGUELA EN NOVE CADROS
OU TENRURA ABERTA CARA ADENTRO, que debía ser limiar dun proxecto arredor da obra teatral Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela. Fixérame moita ilusión escribilo porque o proxecto consistía na publicación do texto de Manuel e da  Opereta para voz narrada e cuarteto de clarinetes, composta por Nani García a partir da peza teatral, con voz ou voces de María Inés Cuadrado, proposta estética e ilustracións de Miguelanxo Prado e coa participación do cuarteto Xerión. A edición sería na editorial Ézaro. Un luxo. Pero non sei que pasaría, que a publicación non saíu e aí quedou o traballo de tantos e tan bos creadores. Pensei en publicar aquí o meu texto, pero logo rífame o meu amigo Tacho, porque di que fago as entradas moi longas e fatigan.

A Fundación que leva o seu nome, como cada ano, lembrouno cunha representación no teatro Colón -outros é no Rosalía-, a cargo da compañía Nova Galega de Danza, co espectáculo Manuel María: Lúas de outono 2014.

Manuel recomendaba sempre “vivir, sempre vivir, agora denantes, despois“. O primeiro libro de Manuel María que eu merquei foi A corazón aberto, na edición da colección Salnés, de Galaxia, con limiar de Ramón Otero Pedrayo. A el pertence este poema que fala de paxaros e que aquí comparto, porque é vida e nel está a súa voz:

VOLTEMOS os ollos ao paxaro,
e co seu vóo sobor dos hombreiros,
núos da terra, nidios e ben luídos,
bebamos, solprendidos, o ár ceibe.
Nidios de espiña e de xenreira,
palabra sexamos soiamente,
esprito sin ponlas e sin rosto,
sin oso, coma un sopro
que aviventa a chama
da xarra onde despóis
o viño alcenderase roxo.
Voltemos outra vez ao paxaro,
á súa rampla de liberdade.
Voemos a infindas outuras,
a outras latitudes máis pobradas
de luz e sin murallas.
Advertisement

MARÍA INÉS CUADRADO E A SÚA ESCOLA DE PALABRAS

Por vocación e paixón María Inés Cuadrado é, fundamentalmente, actriz. Foi ela quen escolleu un texto meu Non se che faga tarde, para levar a escena. Ese monólogo, que ten por protagonista a Olga, unha muller que é quen de inventar o amor, dirixido por Manane Rodríguez, foi representado moitas veces, aquí e no outro lado do Atlántico, tanto en Bos Aries coma en Montevideo. A compañía de María Inés tiña e ten un nome ben significativo: A xente das palabras.

A posta en escena máis recente foi esa colección de voces e rexistros cos que interpretaba a Opereta para voz narrada e cuarteto de clarinetes  A Berenguela, seguindo o texto de Manuel Maria, con música de Nani Garcia, ao que pertence este vídeo.

Agora que as cousas se poñen difíciles, que a profesión teatral e a cultura en xeral atravesan unha situación precaria á que nunca pensamos regresar, María Inés, como boa porteña, é quen de se reinventar, de lle plantar cara á situación, de manter o vínculo co que sempre foi seu oficio: a interpretación e a palabra. Non é doado montar un espectáculo e atopar escenarios, pero si é posible transmitir os coñecementos que un atesoura, transmitir o esencial do dominio e uso do corpo e da voz, coñecemento dun mesmo por medio de técnicas interpretativas que poder ser útiles a calquera, falemos de executivos que debe falar en público, de profesorado, de guías de turismo, oficiantes relixiosos, líderes políticos…

 

Pero ademais, ela descubriu no seu propio corpo o valor terapéutico e curador da palabra e da música. Música e poesía, fornecemento do noso interior para mellor enfrontar as situacións difíciles que nos presenta a vida.

Eses son os eixos da súa nova e última iniciativa: Artes escénicas para o desenvolvemento persoal. Dende aquí, eu ofrézome como colaborador e aprendiz nese proxecto ao que de corazón desexo sorte.

Como a imaxe vai cativa, engado a información por se alguén está interesado: http://www.micuadrado.com

Contactos en: 699288861 ou micuadrado@yahoo.es