MAZARICOS

No inverno, estamos afeitos a ver, na Boca do Río de Carnota, un bando numeroso de mazaricos curlís –zarapito real en castelán-, grandes e repoludos, co seu medio metro de alzada e o seu longo peteiro. Non é frecuente que esta especie se reproduza en Galicia, aínda que os datos apuntan a un incremento de individuos que permanecen connosco cando chega a primavera. O normal é que, finalizado o inverno, procuren outras xeografías e outros climas.

Porén, esta pasada fin de semana puidemos ver dous bandos no litoral de Lira, un de 40 individuos e outro de algo máis dunha ducia, o primeiro composto todo el por mazarico chiador, e o segundo por mazarico rabipinto, ambos os dous bastante máis cativos que o curlí. A este segundo grupo pertence os que se ven na fotografía tomada á caída da tarde do venres 26 de abril, no Ximprón, aínda que nela, por ser contraluz, non se distingue o ton dourado da plumaxe de verán.

Mazaricos no Ximprón. Fotografía Maribel Longueira

Mazaricos no Ximprón. Fotografía Maribel Longueira

A presenza do mazarico debeu ser moi importante, non só no litoral, por máis que hoxe as guías así nolo presenten. Sería ave abundante nas brañas, zonas húmidas e searas dese territorio que as xentes de Muros e Carnota chaman “A montaña” e que hoxe son terras do concello de Mazaricos. Quizais a eses de terra dentro se refería Eduardo Pondal no seu poema, que ben lido podería ser metáfora dos tempos que vivimos:
Ouh mazarico, que cantas
no jungal vougo e sombrizo,
non ergas tan triste pranto,
non cantes máis, mazarico:
como fouce de ferro aguzada
mesmo na alma te sinto.
Antr’as espesas canizas
do angoeiro húmedo e frío,
non cantes máis, compañeiro,
compañeiro mazarico:
como fouce de ferro aguzada
mesmo na alma te sinto.
As esperanzas fallaron,
as alegrías fugiron,
o corazón ‘stá deserto…
Non cantes máis, mazarico:
como fouce de ferro aguzada
mesmo na alma te sinto.

Mazarico. Páxina clop.zonalibre.org

Mazarico. Páxina clop.zonalibre.org

O mazarico ten o seu lugar no refraneiro do mar, tal e como o recolle Clodio González Pérez: Mazaricos na praia a cantar, os mariscos a aboiar. Tamén nos xogos infantís, como esta canción de descartar, recollida por M. Barrio e N. Rielo para o proxecto Orella Pendella, ditos, recitados e cancións infantís:

 

 

Pico, pico, mazarico,
¿quen che deu tan longo “pico”?
Deumo Deus e San Santiago
para picar o pan no agro
e piquei e repiquei,
cen milliños encontrei
e boteinos a moer
e os ratiños a comer
e agarrei un polo rabo
e boteino naquel cabo
e tamén agarrei outro
e boteino naquel souto
e vin de moita “prisa”
tocando a miña gaitiña
pero víronme os ladróns
e roubáronme os calzóns.

Na novela Purga, da escritora finlandesa Sofi Oksanen, traducida ao galego por Tuula Ahola e publicada pola editorial Rinoceronte, o personaxe de Aliida, unha estoniana que no transcorrer da súa vida padece a ocupación rusa, a alemá e de novo a rusa, muller moi supersticiosa, escoita coma un agoiro o mazarico que canta na extrema entre os pasteiros e o bosque.