MORELIA DE MICHOACÁN

Hoxe, na revistasábado, o xornal El País informa das actividades artísticas dos fillos dos Cabaleiros Templarios. Dous dos fillos do capo Enrique Plancarte, Melissa e Kike, tentan triunfar na música con métodos mafiosos, mediante coacción, invadindo as redes sociais, cantándolle aos camións cargados de “verde y de blanquita”. Xa Elijah Wald, un músico estadounidense que viaxou só por todo México, investigando a conexión entre música e narcotráfico, deixara constancia desa relación no libro Narcorrido: A journey into the music of drugs, guns and guerrillas. Esta é a conexión ao artigo de El País

El cante de los príncipes del narco mexicano

Velaí, tamén un vídeo de Melissa e a súa banda. Por certo, se ela nunca ten o micro diante dos labios, quen canta?

Comentaba na entrada de onte, que vixando só polo estado de Michoacán, no mes de xuño do ano 2008, cando xa se iniciaran os conflitos, non sentira nin ameaza, nin temor. Pero é certo que só tres meses máis tarde, no centro de Morelia, durante as festas de celebración da Independencia de México en setembro, estoupaban dúas bombas, unha á beira da catedral, outra diante do Pazo de Goberno Michoacano, causando a morte a tres persoas e feridas a cento trinta e dúas.

En xuño, ao día seguinte de chegar, asistín a unha concentración de policías rurais do Estado, que reclamaban mellora económica e de medios, para loitar contra a ameaza do narcotráfico. Chegaran de todos os lugares do estado e colapsaban o centro da cidade cos seus coches, esixido seren recibidos polos parlamentarios do estado. O da mellora económica enténdense porque só estando ben pagado un pode resistir a tentación de se vender aos cartos dos cárteles.

Manifestación policial

Manifestación policial

Morelia é cidade fermosa e tranquila, declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco. O nome vén de Morelos, un dos líderes da independencia. Celebra imporante festival internacional de cine e é un fervedoiro de actividade cultural. Os frescos que aparecen na entrada anterior, están no claustro do Pazo de Goberno e son obra do pintor Alfredo Zalce. Nunha das prazas hai unha escultura dedicada aos paxaros. Xa daquela pensei que unha cidade que dedica estatua aos paxaros en praza pública, ben merece vivir en paz.

“A las aves que, en los amaneceres como en los ocasos, surcan los cielos de Morelia”, di a placa de bronce.

MICHOACÁN

Pintura mural en Morelia

Pintura mural en Morelia

Hai tempo que os medios de comunicación veñen falando deseguido do estado mexicano de Michoacán, sempre en relación coa violencia e co narcotráfico, pero nos últimos días a incidencia aumentou, co conflito armado entre o exército e os grupos e autodefensa. O territorio de Michoacán, clave no tránsito da droga cara o norte, é obxecto de disputa entre dúas das mafias máis fortes de México, o Cártel de Sinaloa, aliado con La Familia que goberna Michoacán e o dos Zetas, en guerra cos anteriores. A Familia exerce unha sorte de xustiza divina, segundo propia expresión, que os leva a decapitar inimigos e a manter limpo de droga o territorio que controlan. Enténdase o de limpo, non queren que exista tráfico nin consumo onde viven. Contra eles e contra as organizacións armadas dos outros cárteles, organizáronse as denominadas milicias ou grupos de autodefensa. Agora estes grupos non só loitan contra o cártel inimigo, senón tamén contra o exército, xa que o estado non pode admitir a existencia doutro exército paralelo e non sei se está ben dito outro, porque son tres ou catro, contando os das mafias, formados e dirixidos por exmilitares do exército oficial.

Sergio González Rodríguez é un dos xornalistas máis importantes de México. En realidade é tan investigador como xornalista, pero sobre todo é escritor. El é quen de facer da crónica informativa material literario e deste historia contemporánea. Ben coñecido polo libro Huesos en el desierto, onde narraba a súa investigación sobre o asasinato de mulleres en Ciudad Juárez, tamén é autor de El hombre sin cabeza, no que tenta explicar canto hai de rito, canto de fachenda e canto de mito, nesa práctica michoacana de decapitar os corpos inimigos e deixalos expostos nas rúas e estradas, normalmente con mensaxe. As súas investigacións situárono varias veces no límite, con intentos de asasinato e de secuestro. Coñecino na feira do libro de Oaxaca do ano 2009.

Quérolle moito a Michoacán. Estiven en dúas ocasións no Festival de Poesía de Zamora,

A catedral inconclusa de Zamora

A catedral inconclusa de Zamora

organizado polo poeta Roberto Reséndiz Carmona. En Zamora vivín experiencias singulares, recitando nos colexios, nas prazas, indo de madrugada aos lugares prohibidos en compañía do poeta canario Javier Cabrera. Zamora é, ademais, un lugar musical, un deses lugares no que a música está viva nas rúas e nas prazas.

A primeira noite, da primeira vez, visitei na súa casa a Francisco Elizalde e puiden compartir con el mesa e cubalibres, sen cear e ata moi entrada a noite de calor. Elizalde é autor dunha ampla obra, na que destaca un libro breve, pero impresionante: Ángeles de la muerte: “Voy descendiendo a mi alma diariamente/ por estas escaleras hurañas de mi sangre,/ como si el alma fuera mi sepulcro…/ Es decir: pacto, vértice, puerta, círculo, imagen. […]

Zamora, música na rúa a catro mans

Zamora, música na rúa a catro mans

Escríbolle agora aos amigos de alá, preguntándolles por esta nova explosión de violencia. Dinme que está limitada a unha parte do estado. En Zamora viven tranquilos. Cóntanme de novo o que xa sabemos: Estados Unidos pon os cartos para loitar contra os cárteles, consume a droga que cruza o país de sur a norte e abastece de armas ás bandas mafiosas e grupos de autodefensa. México pon sicarios e mortos.

Cos mariachis, cantando La golondrina

Cos mariachis, cantando La golondrina

Naquela primeira viaxe, finalizado o encontro, viaxei ata Morelia, a capital do estado, destino dos nenos que México acolleu cando a Guerra Civil española. Alí, tras botar un par de días, deixei a maleta na consigna da estación de autobuses, collín a mochila, paguei un billete e viaxei cara o oeste: Pátzcuaro (con moita sona polas imaxes dos pescadores do lago, que arrebolan a rede por riba da cabeza); Lázaro Cárdenas xa no Pacífico, cidade con nome de Presidente amigo da nosa II República; Praia Azul, unha aldea de pescadores á beira da praia onde decidín pasar dous días. Ía só e nada me sucedeu, nin nada me asustou.

En Lázaro Cárdenas

En Lázaro Cárdenas

As fotografías que acompañan esta entrada pertencen a estes días e son tomadas por min. O poema que segue foi escrito na primeira das viaxes. Sirva isto para expresar o meu amor por esa terra e pola súa xente.

Resto de naufraxio en Praia Azul

Resto de naufraxio en Praia Azul

Resto de naufraxio en Praia Azul

ZAMORA

I

Sobre Zamora
a chuvia é coma sombra
de anxo, transparencia gris
que bautiza e seca
ao mesmo tempo.
Tamén aquí a nostalxia,
tamén aquí a culpa
intuída
nos ollos que buscan
e que miran,
na pel do sol
redonda coma un salto vocálico
de sílabas e labios.
Tamén aquí a vida aberta,
ferida
que respira
no agarimo do aire.
Tamén aquí a vida
como aire.

II

Cando o crepúsculo
o limpabotas cepilla a praza
de recendos e pombas,
as bolboretas tecen os fíos da memoria
e as garzas baleiran a tarde sobre o curso dun río
que agoniza.
O éxodo dos pasos
e o taciturno rodar das bicicletas
anticipan as sombras.
Entón, cando o silencio,
os anxos da morte descenden azuis
sobre o patio,
as súas bocas encintas
declinan versos de lava
e ron e fume de tabaco.
Cando o crepúsculo
as andoriñas arden
no afiado lume das ausencias
e as bágoas redimen as perdas.
Zamora é daquela un labirinto
de canles extraviadas
un eco de esperanza
na ollada inocente das mulleres tristes.

III

Na noite, Zamora
extravíase entre cúpulas
distantes,
inacabados soños, suores
vexetais e cascudas
que estouran baixo os pasos.
Máis alá do rumor
habita unha nudez crispada
de verme e pelo bébedo.
Máis alá da dor
e as súas transparencias
cóncavas, o insomnio
esvara pola carne mineral,
polo danzar estéril
dun sorriso sen luz.
Pelícanos en Praia Azul

Pelícanos en Praia Azul