COGOMELOS: PAN DE LOBO

Chegou o tempo dos cogumelos ou cogomelos. O pouco que eu sei deles aprendino, alá, Odriozolapolos aos oitenta, con Marisa Castro e Luís Freire, nos cursos que dende a Sociedade Galega de Historia Natural organizabamos no Instituto Labaca da Coruña, primeiro, na Casa das Ciencias, despois. No primeiro tamén participou Antonio Odriozola. Aquilo era cousa de sabios xenerosos que gozaban compartindo o seu saber. Lembro, con emoción, as saídas ao monte dos sábados e logo, polo serán, preparar a cea entre todos, baixo a dirección de Marisa, cun menú no que todo eran fungos, dende o primeiro prato, -sopa con lacarias-, ata o postre, marmelo de pé azul.

LUISFREIRE

Contoume hai anos Xulián Maure que estando el en Xerais, publicaron a primeira, ou unha das primeiras, guía de fungos do país, precisamente asinada por Marisa Castro. Daquela, procurando o título, deron na palabra cogomelo ou cogumelo, de moi pouco uso, pero fermosa e que si existía no galego. Xulián falábame da sorpresa que levaron cando, ao final, a palabra asentou como a principal referencia léxica para os iniciados neste mundo marabilloso e, tamén, misterioso, desa realidade natural que non pertence ao mundo animal, nin vexetal, nin mineral e que son os fungos. Por certo, foi Robert Graves quen afirmou que a palabra misterio procede de micos.

Todo o anterior para chegar a estas imaxes que van agora. Porque saír ao monte a procurar cogomelos pode deparar sorpresas, como esta vivida esta mesma semana por uns veciños nosos de Lira, buscando nos montes de Taxes, parroquia muradán.

Lobo 1

Tiñamos evidencias da presenza do lobo nos montes da contorna, e aquí deixamos constancia diso nalgunha entrada anterior. Unha familia grande, formada por varios grupos, vive entre os montes de Vimianzo e o Barbanza. A ela pertencerá este exemplar, que tamén andaría aos cogomelos, que xa en galego temos como sinónimo o termo “pan de lobo”, recollido nos dicionarios.

Por certo, é Franco Grande quen no seu dicionario ofrece a lista de sinónimos para fungo: carrote, cogomelo, cogordo, chopín, choupano, choupano, choupín, choupiñeiro, cugumelo, pan de lobo, pucho de sapo e pan de cobra.

Sorte e que a colleita do ano sexa boa.

Advertisement