MONFORTE E A CASA DE LEMOS

Aproveitando a viaxe a Monforte, Maribel e eu acordamos pasar a noite no Parador, antigo convento de San Vicente do Pino, situado no que fora castro Dactonio. Tocounos un cuarto nun dos ángulos do edificio, con dúas fiestras; visión de 180º sobre o val e, tamén, sobre a altiva torre da homenaxe, símbolo e lembranza da fortaleza dos condes de Lemos, casa que, coa de Andrade, compartiu un lugar preeminente na historia de Galicia. Aquí residiu Pedro Fernández de Castro, mecenas de Cervantes e López de Vega.

Á familia pertencían os irmáns Inés, Xohana e Fernando de Castro, os tres marcados pola infelicidade do seu destino. Inés casou en secreto co príncipe D. Pedro, fillo de Afonso IV de Portugal, o que supuxo a súa condena, xa que a intención do reino era que o herdeiro casase coa filla do rei de Castela. Inés foi asasinada mentres o home combatía nas terras do sur. A historia é cousa sabida: unha vez coroado rei, D. Pedro ordenou capturar aos asasinos, exhumou o corpo de Inés e sentouno á súa beira no trono, obrigando a toda a corte a lle besar as mans. Don Pedro e Dona Inés repousan xuntos no mosteiro de Alcobaça. Dona Xohana, dama de gran beleza, namorou a Pedro I de Castela, coñecido como o Cruel, quen casou con ela, abandonándoa logo da primeira noite de vodas. Xohana morreu de tristeza e os seus restos repousan na capela das reliquias reais da catedral compostelán. Fernando de Castro viviu intensamente as loitas entre Pedro I e os Trastamara. Caeu preso en Montiel, logo da morte a traizón do seu cuñado e rei D. Pedro. Xa liberado, marchou a Inglaterra, onde alí viviu ata o final dos seus días. Sobre a campa os amigos gravaron esta lenda: “Aquí xace a lealdade de España”. E a min isto faime lembrar a Fernando Pérez-Barreiro Nolla porque, como xa quedou escrito noutra entrada deste blog, na pedra negra da súa campa en Lancaster, figura a lenda: “Cabaleiro galego”. Cada un no seu sitio.

Torre homenaxe Monforte

Torre homenaxe de Monforte, dende a fiestra do cuarto. Foto de Maribel Longueira

Góngora dedicou a Monforte un soneto no que recollía a impresión que lle causou a perspectiva contemplada dende a torre da homenaxe do que fora Castelo dos de Lemos:

¡Oh cuánto deste monte imperioso descubro!
Un mundo veo. Poco ha sido,
que seis orbes se ven en su divisa

E levaba razón Góngora, xa que dende esta altura é posible divisar a Serra do Courel e, polo sur, o perfil dos altos macizos ourensáns e o castelo de Castro Caldelas, e cara o norte e o leste toda esta terra cha, pola que descende o Cabe a se xuntar co Sil e da que Darío Xohán Cabana nos di que “ás veces quere parecer que andamos polo Bierzo; a chaira de Lemos é unha especie de illa no medio de Galicia”.

Dende a fiestra tamén viamos esta homenaxe a Lois Pereiro

Monforte e Lois Pereiro. Fotografía de Maribel Longueira

Monforte e Lois Pereiro. Fotografía de Maribel Longueira