TARDE DE MASCATOS EN LIRA

Hoxe, logo do mediodía, cesou a chuvia e puidemos gozar dunhas raiolas de sol. Belén, Maribel e eu, aproveitamos para pasear pola beiramar, dende Porto Ancho ata o Ximprón. O ceo e a tarde era dos paxaros, en particular dos mascatos, adultos e novos, erguéndose ata unha altura considerable e deixándose caer en picado sobre as ondas. Co sol brillaban, destacándose contra as nubes que aínda cubrían o Monte do Pindo. Un deses espectáculos fermosos e sen custo, agasallo da natureza.

Antes de Porto Balea, nun pequeno coído, atopamos un mascato que non podía voar. Maribel achegóuselle moito para fotografalo e el deixouna facer. Dela é a primeira imaxe Logo achegueime eu, por ver se podía determinar o que lle sucedía e, se me deixaba, recollelo para tentar levalo a un centro de recuperación. O resultado vese nesta segunda fotografía tomada por Belén.

Logo dese intento, deixámolo en paz. Deixámolo ou deixámola, que Maribel fala dela ou del en feminino.

Pareceume que tiña danada unha á e quizais  non sobreviva a ese mal. Pero xa estes días chamoume a atención a cantidade de mascatos mortos que atopei en praias e coídos, en especial en Ardileiro (7), pero tamén en Porto das Cabras (3), Samuralla (1) e Cabalar (1). Todos eran novos, agás un. A diferenza entre adultos e inmaturos, como sucede coas gaivotas, está na plumaxe, parda nos novos, que tardan un par de anos en adquirir as cores que caracterizan a especie. Pensei que durante a emigración de outono, serían vítimas dalgún dos temporais que castigaron o litoral durante as últimas semanas, e que castigaría de maneira particular aos máis inexpertos e máis débiles, pero iso é unha hipótese. Haberá que estar atentos, nas vindeiras semanas.