MORTE E TRANSFIGURACIÓN

Xa teño falado aquí outras veces da miña amiga Rosa Álvarez, andoriña de Lira todos os meses de agosto dende hai máis de vinte anos, onde chega procedente de Madrid, a cidade na que vive. A súa biografía é intensa e interesante, en particular, e polo que atinxe ao público, pola súa aparición nos programas de teatro e de zarzuela que viamos cando só había unha televisión e, tamén, como parte do equipo que durante tantos anos nos fixo sorrir con aquel programa no que moitos aprendemos a amar música clásica, falo de Clásicos Populares, dirixido por Fernando Argenta.

Solpor Lira

Unha tarde deste verán, paseando de vagar pola punta dos Miñarzos, agardando polo solpor e collendo amoras con Maribel, faloume do concerto de Richard Strauss Morte e transfiguración (Tod und verklärung). R. Strauss é para ela un compositor principal, autor dunha obra inmensa a quen admira verdadeiramente. Hai días envioume unha versión marabillosa de Tod und verklärung, dirixida polo propio Strauss en 1944. Quizais compre dicir que Strauss compuxo esta peza cando só tiña 25 anos. Rosa acababa de descubrila, porque non sabía dela e sorprendeulle porque lle lembraba á mellor versión deste concerto que coñece, e que para ela é a de Claudio Abado. Asegura que esta se lle asemella e engade que aos compositores pásalles o que aos poetas, que agás excepcións, non son bos recitadores dos seus versos, como os músicos non dirixen ben as súas pezas, agás excepcións, tamén, e esta sería unha.

 

Xa se ve que a foto do solpor é miña, feita co móbil.