MONTE PINDO: VELLAS IMAXES, RELATOS DA MEMORIA

Estiven o venres en Guitiriz, participando no curso de verán A paisaxe como patrimonio, que cada ano a Universidade de Santiago de Compostela alí convoca, curso organizado por Roxelio Pérez Moreira e F. Javier López González. Non era a primeira vez que participaba, xa estivera noutra edición anterior falando das paisaxes do solpor. Nesta ocasión a miña intervención tiña o título de: Monte Pindo, símbolo e identidade.

Buscando imaxes para ilustrar a charla, atopei estas do arquivo de Maribel Longueira. Son do ano 1982. Na primeira vemos a Fernando Alonso Romero con Xan Louro, na segunda Maribel e Luis Monteagudo conversan con ese home ao que debemos boa parte do coñecemento que temos do Monte.

Xan Louro con Fernando Alonso Romero

Xan Louro con Luis Monteagudo e Maribel Longueira

Xan Louro foi compañía xenerosa daquel tempo. Coñecedor de cada recuncho do Monte, da súa microtoponimia, gozaba subindo a el e contando o que sabía. Foi el quen atopou a vasilla medieval, hoxe depositada no Museo do Pobo Galego. Foi el quen amosou algunhas das covas onde procuraban agocho os fuxidos ao Pedregal, logo do levantamento militar do 18 de xullo de 1936. Hoxe conmemóranse 80 anos daquel feito.

Entre os seus moitos valores, o Monte Pindo tamén atesoura o de ser referencia da memoria silenciada. Foron moitos os homes que alí atoparon refuxio, moitas as mulleres castigadas por axudar a maridos, irmáns, noivos ou fillos. Alí buscou refuxio Manuel Rodríguez Louro, o preso 4148 de Mathausen, que o 16 de setembro de 1941 sería asasinado no castelo de Hartheim, instalación anexa ao campo onde se experimentaba con métodos que asegurasen acadar de maneira rápida a “solución final”.

Nunca teremos palabras abondas, nin tempo, para restituír a memoria dos vencidos. Pero tampouco teremos acougo se non o intentamos.

 

Advertisement

DOMINGOS DE ANDRADE

O pasado 11 de novembro cumpriuse 300 aniversario do pasamento do arquitecto Domingos de Andrade, nacido en Cee en 1639. Non houbo moita conmemoración, malia ser Andrade un arquitecto excepcional, que non só deseñou obras importantes que aínda hoxe nos acompañan e conmoven, senón que, ademais, transformou o xeito de ollar as cousas e indirectamente, polo afán dos párrocos en querer imitar a Berenguela, a torre barroca da catedral compostelá, modificou a paisaxe de Galicia.

Quen o lembrou e si celebrou, foi o Museo do Pobo Galego, producindo unha exposición da que foi comisario Manuel Vilar Álvarez. O edificio de San Domingos de Bonaval transformouse así en receptor da exposición e, ao tempo, parte principal dela, xa que son moitas as pegadas que Andrade deixou no edificio, dende a fachada, o claustro ou esa marabilla que e a tripla escaleira que remata no balcón que se abre á cidade.

Eu tiven o privilexio de participar nese proxecto, elaborando o guión do vídeo que acompañou á exposición. Sorprendido polo descoñecido que Domingos de Andrade é para tanta xente, tamén para algúns benqueridos amigos seguidores deste blog, ofrezo aquí o texto do guión, xa que o vídeo son incapaz de copialo. Tampouco non podo indicar o nome dos autores das imaxes tomadas de internet. Dicir que o vídeo realizado por ATEC Crative Solutions, foi dirixido por Zaira Barcia Boullosa e Tania Pérez Arribas.

DOMINGOS DE ANDRADE, Excelencia do barroco
Durante os séculos XVI e XVII, algunhas autoridades eclesiásticas cuestionaron a predicación en Hispania de Santiago Cebedeo, así como que estivese enterrado en Compostela. Daquela, intentouse anular a consideración de Patrón de España do Apóstolo. O Cabido compostelá, reaccionou procurando darlle á catedral unha nova e fastuosa imaxe que amosase ao mundo a importancia do santuario xacobeo, propagando a idea dun patrón único das Españas.
O Papa Urbano VIII ratificará a condición de Compostela como lugar principal da cristiandade, instaurando a cerimonia da ofrenda ao Apóstolo. Iníciase, entón, un período de mudanzas na catedral e na cidade.
Son os días do esplendor barroco, coa súa vocación ornamental e perspectiva escenográfica. Novas construcións substitúen os pazos medievais e casas de madeira, transformando a cidade na urbe de pedra que hoxe permanece. Tamén a catedral vive reformas. Baixo os auspicios do arcebispo Antonio de Monroy, a inspiración do cóengo fabriqueiro José Vega y Verdugo e a colaboración da primeira xeración de arquitectos galegos formados arredor da escola taller catedralicia e da de San Martín Pinario, o templo substitúe o aspecto orixinal de fortaleza polo maxestoso e espiritual que hoxe coñecemos. Entre os arquitectos, destaca a figura de Domingos de Andrade.
Fillo de Domingos López de Andrade e da súa segunda muller, Alberta López, Domingos nace en Cee en 1639, no seo dunha familia de orixe fidalga e posición acomodada.
En 1654 figura matriculado na facultade de Artes da universidade compostelá, aínda que en 1655 aparece inscrito na carreira de Canons e Leis.
O 20 de decembro de 1659, en Corcubión, bautiza o seu primeiro fillo, que tamén o é de Isabel Areas Canosa, coa que casa en 1662, poucos días antes do nacemento do segundo. O matrimonio terá 11 fillos, dos que só 5 chegarán á idade adulta.
Para entón xa traballa na catedral, participando con Bernardo Cabreira e Francisco Antes na construción do novo altar maior. O seu nome aparece relacionado por primeira vez nos libros de fábrica en 1665, cando con Lucas Serrano asina o contrato para a construción do tabernáculo do altar maior.
Ata 1674 colabora con Juan de la Peña Toro, mestre de obras de carpintería e de cantaría da catedral. Con el viaxa por Galicia e aprende o oficio de arquitecto, sucedéndoo logo da súa morte. Como mestre, Domingos de Andrade formará a ilustres arquitectos, como Jerónimo Patiño, Miguel de Romay, Simón Rodríguez, Fernando de las Casas Novoa ou Lucas Caaveiro.
Otero Pedrayo refírese aos arquitectos dese tempo: Os nomes dos arquitectos galegos desta época son ben coñecidos: Domingo de Andrade, Fernando das Casas e Novoa, Simón Rodríguez, Sarela… Eles dispuxeron os grandes espacios onde calquera relevo anima a severidade, guiaron as seivas arquitéctonicas pola árbore das columnas para facela estalar en froitas e flores, nas esperanzadas xemas das cúpulas, nos gromos dos pináculos, na vivente curva das liñas”.
Andrade traballa por toda Galicia, dirixindo obras en edificios relixiosos, civís e militares. Cómpre destacar as executadas na catedral de Lugo, no mosteiro de Sobrado dos Monxes ou na capela do Santo Cristo de Ourense.
Atribúeselle a construción do baldaquino da igrexa de Oseira, semellante ao da catedral compostelá. Cando, logo da desamortización, as autoridades deciden trasladalo a Madrid, prodúcese unha revolta popular na que falecen sete persoas, abatidas por disparos da garda civil. Eduardo Blanco Amor recollerá estes feitos na novela Xente ao lonxe.
Pero será en Compostela onde Domingos de Andrade desenvolverá o seu traballo principal e onde o seu xenio creativo acadará a máxima expresión. Na catedral participa na construción da nova sancristía, que despois será Capela do Pilar e do Pórtico Real, así como na reforma da capela do Espírito Santo e da parte superior da Porta Santa.
A súa obra cimeira é o deseño e construción da Torre do Reloxo. Otero Pedrayo dedicoulle un poema que comeza así: Torre viva, lanzal e sorridente, / dona da lei das horas fuxidías, / es ao correr dos días / vago alciprés e pino verdescente.
Torre da Berenguela ou do reloxo

Torre da Berenguela ou do reloxo

Coa torre, Andrade non só consegue construír un contraforte que asegura todo o edificio, senón que nela vai expresar libremente a súa linguaxe estética e decorativa con froitas, motivos militares e xacobeos, simetrías, luces e formas.
A Torre crea un sentido de transcendencia, facendo máis pequeno o mundo e máis próximo o ceo. Imitada en moitos templos parroquiais, pódese afirmar que a influenza de Andrade transforma a paisaxe, coa integración nesta dos campanarios barrocos.
Ela e as outras torres barrocas da catedral son vistas polos peregrinos dende lonxe, provocando neles a emoción de sentir cumprido o soño que un día os fixo partir respondendo a unha chamada espiritual, unha ilusión, unha esperanza.
En Compostela, Andrade constrúe edificios para vivenda, velaí a Casa da Parra, a da Conga, ambas na Quintana, ou a do actual número 16 da rúa Nova; traballa para institucións como o Hospital Real, a Universidade ou o concello, deseñando planos e intervindo na construción de edificios públicos como o da Carnicería.
Deseña os retablos de San Paio de Antealtares e de Santa Clara. Pero onde realiza unha das intervencións máis singulares é no convento de San Domingos de Bonaval.
Amais da fachada principal e de tres panos do claustro, Andrade é o autor desa peza fermosa e única formada polas escaleiras que deben comunicar os cuartos dun e outro lenzo do claustro.
Escaleira de San Domingos de Bonaval

Escaleira de San Domingos de Bonaval

Falando dos vestixios que o convento garda de Andrade, Murguía escribiu: Entre todos e como o primeiro a tripla escaleira de caracol, oxival e emprazada na torre construída con tal obxecto. Famosa entre o vulgo, merece tamén atención preferente, pois non hai dúbida de que se labrou a un tempo para dar ingreso aos cuartos superiores do convento e como vixía.
Bucle funcional que xoga ás simetrías, a singularidade da escaleira vai máis alá da estética e do criterio innovador do seu deseño. Dende o balcón no que remata, Andrade suxírenos un cambio de perspectiva, un novo xeito de mirar e de ver, xa que, ata entón, a visión da paisaxe procurábase dende o interior da cidade, pero agora, esta transfórmase en centro e referencia visual.
Domingos de Andrade tamén deixou obra escrita. Nela sobresae o tratado: Excelencias, Antigüedad y Nobleza de la Arquitectura, publicado no ano 1695, no que reivindica o papel do arquitecto:
Mas digo que à los Maestros de Arquitectura, pertenece dar forma, traza, y disposición en las obras, como en los palacios, y casas tocale disponer salas, dormitorios, puertas, ventanas, y las mas piezas convenientes, y escoger, y eligir materiales; porque à los oficiales, solo les toca trabaxar, conforme lo manda el Maestro; luego el q hizo esto, con razon, le llamaremos Maestro, y Arquitecto”.
En 1699, viúvo, Andrade solicita o ingreso na orde sacerdotal. Tras unha longa enfermidade, falece o 12 de novembro de 2012, na súa casa do Pombal. Os seus restos repousan na Capela da Concepción da catedral compostelá á que lle dedicou a vida.
Sen Domingos de Andrade non sería posible o mellor e máis senlleiro do barroco galego, opinaba Mayán, e Gonzalo Torrente Ballester consideraba que o seu espírito debía sorrir coma un anxo.
Especializado no deseño e escenificación de festas, empregando fogos de artificio, destacou no seu tempo o catafalco conmemorativo da morte de María Luísa de Orleáns, consorte do rei Carlos I, ou a celebración, ao ano seguinte, da chegada a Compostela de Mariana de Neoburg, casada por poderes co rei.
Museo do pobo galego
Francisco X. Fernández Naval. 2012