MARTIRIO

Souben pola mañá do accidente do avión que voaba entre Barcelona e Dusseldorf. Hai anos eu fixen esa mesma rota, ida e volta, dous días de decembro, con neve, pouco antes de Nadal. Hoxe foi un día duro e triste, con familiares e amigos no voo, ou sen eles.

Pero isto continúa. Quería eu falar de Martirio, porque fun ao concerto que deu o domingo na Coruña. Nunca pensei en ir a un concerto seu, nin en escribir dela. Quedara en min un pouso non moi favorable, dende os anos oitenta, cando inventou o personaxe de gafas escuras e peita. Daquela eu pensei que todo nela era unha sorte de montaxe para vender.

Funa ver o outro día e cambio de opinión. Fascinoume o xeito de mover as mans, como conta as historias, como fai rir, o ocorrente que é unhas veces e o poética que se pon outras. Gustoume o brillo da peita e como se proxecta sobre o público. O concerto era homenaxe a Chavela Vargas, por iso fun. Por iso e porque mercaron as entradas Rosa e Gustavo e pensaron en nós como compañía. Non me arrepinto. Gustoume como interpretou a Chavela, acompañada por Raúl Rodríguez, e como cantou logo pezas do seu repertorio. Agradézolle a versión que fixo de Negra sombra, co seu acento e a súa prosodia, coa dificultade para dicir “imaxino”, solventada con naturalidade.

Aquí deixo o vídeo de Negra sombra en Compostela, o día anterior.

DE DOLMENS E DE MÁMOAS POR TERRAS DO XALLAS

Hoxe, desafiando a chuvia, Daniel e eu saímos de excursión co obxectivo de visitar varios monumentos megalíticos das Terras de Xallas, esas que van dende Mazaricos a Vimianzo, pasando por Zas e Dumbría. Non saímos cedo, que a noite do sábado foi longa e algo había que durmir.

Mina da Parxubeira, Arca da Piosa, Pedra da Arca e Casota de Berdoias, esa era a ruta, polo medio, a ponte de Brandomil e a riqueza etnográfica do lugar de Berdoias. Tamén procuramos cogumelos. Unha dúcia de níscalos dos que, xa na casa, perdemos dous, que Maribel non os come con vermes.

Dolmen de Pedra da Arca

Dolmen de Pedra da Arca

Eu gozo desa rota que normalmente remato en Dombate e na cidade de Borneiro, pero que hoxe acurtamos, deixándoa en Berdoias. Todos estes monumentos megalíticos son fermosos e únicos, cada un coa súa singularidade, cada un coas súas circunstancias. A Parxubeira ergue a súa ruína no centro do lameiro, coa mámoa moi ben debuxada arredor. Fáltanlle lousa e antas, pero alí está o que resta, cara o ceo con orgullo, no seu silencio de séculos. A Arca da Piosa, coas súas lousas ciclópeas, rodeada das plantacións de eucaliptos dunha explotación privada, ofrécenos o eco que dende ela produce a nosa voz sobre o pequeno val circular que domina. Nela situou Eduardo Pondal a tumba do heroe Brandomil. Pedra da Arca, quizais fortalecida coa enerxía eléctrica que viaxa pola liña de media tensión que lle pasa xusto por riba, amósase humilde na súa grandeza. Hai quen di que é máis monumento que o propio Dombate. Dende logo, debe ser dos máis grandes do país. Fáltalle unicamente a lousa que pecharía a cámara. Dentro, na cara interior dunha delas, os gravados que durante anos foron coñecidos no mundo da arqueoloxía, como The Things (A Cousa) formas sen determinar, que estudios recentes consideran cachalotes, como tamén lle sucede aos de Dombate, e a os de varios dolmens de Portugal e de Bretaña. A casota de Berdoias resulta familiar e, ademais, foi integrada durante centos de anos pola comunidade no seu vivir cotián, xa que era empregada como cuberto dos pastores. É pequena, expresión dun megalitismo serodio, porén, é posible que no interior das súas lousas estea representado o infindo firmamento que sobre ela brilla polas noites.

Casota de Berdoias

Casota de Berdoias

Eu confiaba en que a adquisición de todas por parte da Xunta e a declaración do parque megalítico da Costa da Morte, faría algo por elas, por estas e polo resto que a terra toda está inzada de antas e de mámoas. Pero o estado de abandono no que se atopan é triste e penoso. Velas así perturba o gozo que un quere sentir por poder agarimalas de novo. Comestas de silvas e xestas, con lixo nas cámaras, cos gravados das lousas repasados por riba con pedras e madeiras, ata perderse o sutil trazo da liña orixinal que sobrevivira aos séculos: en todo estás e ti es todo,/ pra min e en min mesma moras,/ nin me abandonaras nunca,/ sombra que sempre me asombras. E, polo que se ve, aí seguimos.

(Ben se ve que as fotos de hoxe son miñas)