DORIS LESSING

O funcionamento da rede de comunicación á que acudimos deseguido paréceme admirable. Hoxe faleceu Doris Lessing e ao pouco de se saber, xa a Wikipedia e a Galipedia recollían este dato, pechando así o seu ciclo vital: “Doris Lessing, de solteira Doris May Tayler, nada en KermanshahPersia, actualmente Irán, o 22 de outubro de 1919, e finada o 17 de novembro de 2013, foi unha escritora británica, gañadora do Premio Nobel de Literatura[1] en 2007“. Isto di a Galipedia.

Admireina sempre, en particular por O caderno dourado, libro principal para min, que ten, ademais, versión en galego, publicada pola editorial Galaxia. Chégame esta nova nun momento moi particular, xa que o meu vindeiro proxecto creativo está moi vinculado a ela e, nos vindeiros meses, o noso diálogo será permanente. Espero que o resultado non desmereza demasiado da fonte orixinaria.

Buscando unha música coa que acompañar este comentario, pensei que igual lle cadraba ben esta canción que eu quero, por formar parte da banda sonora da miña biografía íntima. Aquí, un Neil Young de máis idade que cando sacou o disco Harvest, canta a canción co mesmo sentimento de sempre, unha canción que fala da colleita ou das colleitas. Así vexo eu a obra de Doris Lessing.

Advertisement