O OURO DO TEMPO

Falei varias veces neste sitio da última película de Xavier Bermúdez, O ouro do tempo, producida por Xamalú Films. En realidade daba información sobre as alegrías que a súa participación en festivais nos ía proporcionando, pero onte fun ao cine e asistín á estrea e agora podo falar con fundamento.

O ouro do tempoA min gústame o cine de Xavier. Dicía onte Manolo Cortés que o meu non ten mérito, que son fan e ourensán, coma el, pero é verdade que as súas películas, unhas máis ca outras, son do meu gusto. Quizais a que máis me gustou foi León e Olvido, pero tamén aquela primeira Luz negra. Non vin en condicións Rafael e Nena, gustándome, paréceme moi superada polas outras. Todo isto ata onte. Porque logo de ver onte O ouro do tempo debo admitir que esta é a película que inicia o período de madurez de Xavier.

Vina tendo á beira a Eva Veiga e detrás a Chuqui e a Tacho Puga. Por Tacho coñecín eu a Xavier. Con Eva comparto moitos criterios sobre o traballo creador. Os catro coincidiamos ao final na nosa apreciación da película e en varios argumentos de valoración, aspectos a destacar do filme, entre outros: a contención narrativa, ese non ceder ao obvio, limpar o guión e a montaxe de elementos superfluos. A capacidade Xavier para filmar o sutil das relacións humanas, para captar en imaxe o que resulta inaprensible e que, normalmente, é material poético. O valor do tempo nesta nova película, e en relación con isto, eu comentaba con Xavier que seguramente era a máis “Ericiana” (por Víctor Erice, claro) das súas obras, sabendo, como sei, da relación de amizade que manteñen os dous. Formidable, tamén, a dirección de actores, valorando esa querencia de Xavier de repetir cos mesmos intérpretes, chamando de novo a Manolo Cortés (Rafael), Nerea Barros (Nena) e Marta Larralde (León e Olvido) e decidíndose por Ernesto Chao para o papel principal, o que enriquece a película cunha formidable interpretación, ao tempo que agasallou a Xavier cun novo amigo. O humor, esa retranca que lembra a Buñuel (outra das referencias de Xavier), algo irreverente e anárquico, que sen quebrar os fíos sutís, provoca o sorriso e fai levedar a historia. Unha certa inclinación por ser voyeur de Xavier, moi na liña de Nobokov, que é outro dos seus alicerces.

Imaxe O ouro do tempo

Cando falabamos estes días da película, Xavier dicíame que era para xente que gustaba ver medrar a herba. Pero non é tanto así, porque a película, lembrando o tratamento que Erice fixo do tempo en El sol de membrillo, non perde de vista o argumento e a historia que trata de contar. Magnífica ese comentario do protagonista (Ernesto Chao), nun momento no que xoga ao xadrez co seu fillo (Manolo Cortés) e di: Que partida tan violenta! e que a min me parece un resumo da película.

Paréceme apreciar, tamén, a man de Manane Rodríguez, compañeira de vida e profesión de Xavier, coautora da montaxe, sufridora das dificultades e partícipe das ilusións e das alegrías desta e das restantes películas de Xavier, como el o é das dela.

Con todo o anterior só quero convidar a ir ao cine e ver O sol do tempo. Acudide, se podedes.