ÁFRICA

Hai poucos días morría Chinua Achebe, o escritor nixeriano, a quen Nadine Gordimer consideraba o pai da moderna literatura africana. Iso fíxome lembrar aos escritores africanos que coñecín, entre eles Amadoy Ndoyé, tamén falecido recentemente e a quen teño pensado dedicar unha entrada neste blog nos vindeiros días. Entre os escritores dese continente grande e tan descoñecido, está Moustapha Bello Marka, a quen coñecín en Níxer e que colaborou connosco no libro publicado por Xerais, no que Camilo Franco, Alfonsa Costa e eu dabamos conta daquela viaxe, intensa experiencia vivida nun territorio inhóspito, pero fermoso. De Alfonso é, ademais, a imaxe de cuberta.

Fóramos alá para colaborar coa delegación galega de Acción Contra a Fame, en días nos que aquel país padecía unha pandemia de fame. Connosco ían Isabel Iglesias, delegada en Galicia da ONG e o seu irmán Suso, empresario emprendedor e comprometido en temas de solidariedade e desenvolvemento.

Na miña opinión aquel libro publicado por Xerais segue tendo hoxe toda a vixencia, xa que poucas cousas cambiaron no país do Sahel, veciño do convulso Malí. Níxer segue a ser un país invisible, do que só se fala en contadas ocasións, un país que achega boa parte do uranio co que se produce a enerxía que consume Europa. Unha dos valores do libro son as diferentes, pero complementarias, escritas por Camilo e por min, malia ir sentados no mesmo coche durante os centos de quilómetros que fixemos, malia compartir cuartos cada noite, malia tomar as mesmas notas xuntos nos mesmos lugares.

Na cola do dispensario agardando para valorar a desnutrición do neno

Na cola do dispensario agardando para valorar a desnutrición do neno

Daquel tempo son esas fotos, feitas por min, das que me sinto moi satisfeito, eu que non teño ollo para iso da cámara. Dende hai tres anos, tras os recortes que sufriron nos orzamentos da Xunta as partidas destinadas a proxectos de desenvolvemento, Galicia deixou de ter delegación de Acción Contra a Fame.

A vida nun sorriso

A vida nun sorriso

Advertisement