HOMENAXE A FEDERICO GARCÍA LORCA

Acaba de saír o libro 66 poemas, Homenaxe a Federico García Lorca, publicado por Biblos, en edición coordinada por Suso Díaz e Helena Villar Janeiro.

Lorca en BetanzosO día 30 de xuño recibía un correo de Helena, convidándome a participar nun proxecto que, en principio, considerei complicado. Tratábase de render homenaxe a Federico García Lorca, no centenario da súa primeira viaxe a Galicia en 1916 e, tamén a Ánxel Casal, o editor dos 6 poemas galegos na súa editorial Nós, porque Federico e Ánxel están vinculados para sempre non só por seren autor e editor dos poemas galegos, senón porque os dous foron asasinados o 19 de agosto de 1936.

Para levar a cabo a homenaxe, Suso e Helena convidaban a 36 poetas galegos contemporáneos a se organizaren en 6 grupos, sabendo que a cada grupo corresponderíalle un dos 6 poemas galegos de Lorca. A partir de aí, cada un dos grupos escribiría un poema colectivo en diálogo co lorquiano adxudicado e, ao tempo, cada autor escribiría un individual. Cada grupo tería unha coordinadora ou coordinador que tamén participarían como autores. O meu, coordinado por Helena, estaba formado, ademais, por Marica Campo, F. R. Lavandeira, Xesús Rábade Paredes e Miro Villar.

Os outros 30 autores eran: Modesto Fraga, Rocío Blanco, Alfredo Ferreiro, Alexandre Nerium, Emma Pedreira, X. H. Rivadulla Corcón, Marta Dacosta, Xosé María Álvarez Cáccamo, Ledicia Costas, Paco Souto, Eva Veiga, Rafa Vilar, Yolanda Castaño, Lucía Aldao, Xiana Arias Rego, Olalla Cociña, Gonzalo Hermo, María Lado, Suso Díaz, Miguel Anxo Alonso Diz, Xoán Carlos Domínguez Alberte, Lorena Rei, Noelia Rodríguez, Lucía Novas, Alba Cid, Xosé Daniel Costas Currás, Rosa Enríquez, Miriam Ferradáns e Ismael Ramos.

O procecto completábase con seis ilustradores, un por cada poema: Nolo Suárez, Viki Rivadulla, Alfonso Costa, Marita Martín Carmona, Irene Silva Xiráldez e Antón Sobral, máis Xosé Vizoso como responsable do deseño de cuberta.

Dicía antes que cando souben do proxecto, este pareceume complicado, porén, a experiencia foi positiva, enriquecedora e creativa e agora síntome moi contento do esforzo por compartir e polo resultado.

66 poema Lorca

A nós correspondeunos o poema Madrigal á cibdá de Santiago:

Chove en Santiago
meu doce amor.
Camelia branca do ar
brila entebrecida ó sol.
                              Chove en Santiago
                              na noite escura.
                              Herbas de prata e de sono
                              cobren a valeira lúa.
Olla a choiva pol-a rúa
laio de pedra e cristal.
Olla o vento esvaído
soma e cinza do teu mar.
                              Soma e cinza do teu mar
                              Santiago, loxo do sol.
                              Ágoa de mañán anterga
                              trema no meu corazón.

Acordamos nós, como traballo colectivo, facer un madrigal mantendo estrofas de catro versos, con rima asonante nos pares, aínda que isto e o número de sílabas dos versos gozou de certa liberdade. Cada un escribiriamos dúas estrofas, polo que resultou un poema de 48 versos, moi fermoso. A min fascinoume o xeito de se engarzaren as estrofas, e o doado que foi harmonizar. O noso poema titúlase: Madrigal de memoria, longo de máis para incluír aquí. Deixo, iso si, o meu poema individual, xa libre, pero que dialoga cos elementos e o sentir do Madrigal de Federico ou, cando menos, iso pretendín.

LORCA EN COMPOSTELA

Tempo de camelias,
serodias pétalas abertas na lentura,
no berce do amor, no estremecer do día.
Bordadas pétalas no cristal da chuvia,
viso polo que a luz transpira,
cóncavo son de campá,
laio polos soños mudos.
Quizais no leito húmido
sobre o ventre de escamas
por onde o bico tece a liña escura
que fragua no desexo, quizais alí
intuíches o repenicar das bágoas,
a horta de aire mesto no verán da noite,
o resón das voces baixo os lampos de chumbo
e de silencio. A terra e o silencio.
Quizais na escura vibración da salmodia que marca as horas
espertaches suorento e pálido,
exaltado polo sombrío compás que fai tremer o corazón
e as pedras.
Pero estabas aquí, na ourizada peluxe do balor
e era outro, aínda, o calendario, a alborada,
a grilanda do amor,
o timbre do piano,
o agarimo da lingua
o diván e o xenio.
Abríase aínda o corazón a ondas de tenrura.
aquí, entre a herba de prata
sobre lenzos de liño
e almofadas de lúa.
Aquí, onde viñeches
peregrino de versos e metáforas,
a procurar o amor no vento esvaecido,
nos ollos doces do galán transido
na Quintada de mortos e de vivos.

O resultado: un libro fermoso, que suma os 6 poema de Lorca, máis os 6 poemas colectivos, máis os 36 poemas individuais e as 6 ilustracións. Un fermoso agasallo para estes días.

 

Advertisement