NEIRA VILAS e CHAO REGO

Foi esta pasada unha dura fin de semana para aqueles que andamos arredor da literatura galega. A perda sucesiva de Pepe Neira Vilas e Pepe Chao Rego, deixounos dobremente orfos.

Coñecinos e trateinos, máis a Neira Vilas que a Chao Rego. Si axudei, sendo vocal da xunta directiva da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a organizar a celebración dos actos de homenaxe a Pepe Chao, en Vilalba, co gallo de serlle outorgada a letra E de escritor, aínda que, daquela, o principal do traballo correspondeulle a Yolanda Castaño.

DCIM100MEDIA

DCIM100MEDIA

Con Neira Vilas a relación quizais se iniciou forzada, xa que cando máis intimei con el e con Anisia foi no tempo que traballei para a Consellería de Cultura nos días do bipartito. Porén, foi el quen deu un paso adiante, paso xeneroso que sempre lle agradecín, porque cando saíu publicado o primeiro libro sobre nós e Julio Cortázar publicado por Linteo: Respirar polo idioma, os galegos e Julio Cortázar, interesoulle moito. Chamoume e escribiume en varias ocasións, ofrecéndome a memoria que tiña de Julio Cortázar, tanto dos días de Bos Aires, como dos de Cuba. Por el souben que Cortázar asistira a unha conferencia de Francisco Luis Bernárdez sobre Rosalía no Centro Galego, acompañando a Aurora Bernárdez.

Resulta curioso que do tempo de Cortázar en Cuba tamén me falou Ramón Chao, irmán de Pepe Chao, porque coincidiu con el en 1969, nunha viaxe a Cuba, embarcados nun avión ruso Tupolev, ambos convidados pola Revolución a celebrar o seu décimo aniversario. Esa historia cóntase no libro: O soño galego de Julio Cortázar, tamén publicado por Linteo.

DCIM100MEDIA

DCIM100MEDIA

Non sei cando foi a última vez que estiven con Chao Rego, saudeino algunhas veces polas rúas de Compostela hai xa bastantes anos. Del gardo lembranza de varias lecturas, entre elas o revelador Prisciliano, profeta contra o poder, que non sei se é posible atopar hoxe, porque A Nosa Terra, a editorial que o publicou xa non existe, e, tamén, O demo meridiano-lembranzas dun transgresor-, que editado por Xerais supoño que segue estando vivo nas librarías. Con Neira coincidín en agosto, na feira do libro da Coruña. Dese día son estas fotos que Pepe Carballude propuxo que fixeramos e que hoxe lle agradezo, xa que foron iniciativa súa. Conmóveme o agarimo a a tenrura con que sostén, nesta, a man de Neira.