ARTE E NATUREZA

Fin de semana intensa. Antón Sobral convocou, como cada setembro, un encontro de Arte e Natureza que xa é tradicional, á beira do faro de Lariño. Porén, nesta ocasión, contando co albergue de Portaventosa, ampliou o número de participantes, integrando o albergue non só como lugar de durmir, senón como base de operacións. Nel foron as ceas e os xantares, os versos, os cantos e os solpores na terraza.

O Pedregal

Moita xente, penso que o encontro máis numeroso de entre os que eu asistín. O eixo ou elemento transversal deste ano respondía a unha proposta miña do ano pasado, de traballar arredor dos petróglifos de Carnota, por ser eles exemplo de intervención, non sei se artística, relixiosa ou invocadora, pero en calquera caso, cun valor simbólico e tamén estético indubidable.

Na laxe da escrita

Alá fomos a mañá do sábado a visitar a Laxe da escrita, ese que mestura círculos e coviñas da idade do bronce, con cruces medievais, barcos de varias épocas, pero non fenicios, como rezaba ata hai pouco un cartel situado á beira da pista, e logo outros símbolos, cruces inscritas en círculos, de suco feito con ferro non hai moito tempo. Quen traballo aí foi Sole Pite. Quedamos ela e máis eu alí, á beira da gran laxe, sacou o papel, estirouno, colocou pinceis e acuarelas e nun momento recolleu a alma da laxe.

Sole Petroglifo

Contra o serán subimos ao Filladuiro. Sempre é unha emoción volver a contemplar este enigma gravado na pel da pedra, que esa referencia de enigma e pel tomamos para darlle titulo ao libro que sobre el publicamos Fernando Alonso Romero, Maribel Longueira e eu, edición incluída na serie Keltia da editorial Toxosoutos. .

Filladuiro

Ao día seguinte, 17 dos participantes subimos á Moa, o cumio do Pedreghal ou Monte Pindo. Día marabilloso, de sol pero sen calor, sen vento e cunha limpeza do aire que nos permitiu contemplar o mundo máis alá dos límites da vista. Penso que de todas as veces que subín, e irán medio cento, nunca vira dende o alto unha panorámica tan formidable. Vimos moitos paxaros e iso alegroume, regresa a vida ao territorio queimado. Preto do Chan de Lourenzo levantamos unha perdiz. Vimos, tamén, o carballo anano, tamén coñecido como Añón ou caxigo, nesta foto de Manuel Hermida estou á beira do que medra xunto á pista en Chan de Lamas.

A beira do carballo anano

Maribel exerceu de cociñeira e foi quen de dúas ceas e dous xantares, para unha media de 25 persoas. Como camareiro tivemos a axuda de Emilio, quen cantou cando cantamos todos e, tamén, como di el, a capela. Entregado, fíxonos rir.

Así rematou a fin de semana:

Solpor.2A foto primeira do Pedregal, a do grupo na Laxe da escrita e a do caraballo anano, son de  Manuel Hermida. A da acuarela de Sole supoño que é dela. As outras dúas, nótase ben, son miñas.