XOSÉ FERNÁNDEZ FERREIRO

Estes días pasei bastantes horas co meu amigo, o escritor Pepe Fernández Ferreiro, nacido en Espartedo, concello de Nogueira de Ramuín en 1931. Coincidiu, tamén, que sabendo destes nosos encontros, algunhas persoas me falaron del. En concreto, Xacobe comentoume que seu foi, quizais, o primeiro libro en galego que mercou, aquel Morrer en Castrelo de Miño, mítico para moitos de nós. Xacobe lembraba a impresión que lle causou, non só pola historia que contaba, senón tamén polo xeito duro de narrar. María Tilve, pola súa banda, preguntoume, cal era o seu último libro. Respondinlle que Tempo de centeo, e ela comentoume que o buscaría e lería, porque era un escritor que lle gustaba moito e do que lera case toda a obra publicada. Pepe Fernández Ferreiro

Conteille estes comentarios a Pepe e sorriu, cunha certa indiferenza, pero tamén con orgullo, porque a un escritor, e el é escritor de raza, sempre lle gusta saber o que pensan os lectores dos seus libros.

Pepe recoñece a débeda coa literatura americana, nese punto de dureza do que falaba Xacobe, en concreto, cando llo dixen, Pepe exclamou: Hemingway! Si, co premio Nobel americano compartiu oficio de xornalista e o gusto pola novela, pero tamén un certo xeito de narrar. Sobre os oficios de xornalista e de escritor, versou o seu discurso de entrada na Real Academia Galega.

Morrer en Castrelo de MiñoEu sempre considerei a Pepe como escritor bidueiro. O bidueiro é das primeiras árbores que ocupan os espazos máis castigados da fraga, logo dun lume ou dunha escorrentía, por exemplo. Os bidueiros sosteñen a terra e enriquecen o chan, facendo posible que alí medren outras especies, se cadra de máis porte, de máis prestixio social, pero non máis importantes. Fernández Ferreiro, con libros como A morte de Frank González, Morrer en Castrelo de Miño, A saga dun afiador, enriqueceu o corpo de lectores do galego e axudou a que sobre a súa obra se construíse outra, porque sabemos que a literatura é coma un castelo de naipes, arquitectura sutil na que unhas pezas sosteñen as outras. As súas achegas posteriores foron moi importantes, velaí, senón, títulos como A ceo aberto, Agosto do 36, A cidade das chuvias ou a que el considera a súa mellor novela, O minotauro.

O outro día, falando os dous sobre o feito de escribir, evocaba ese momento misterioso, e emprego a súa palabra, no que un sente que hai unha man ou un alento que impulsa a narración máis alá da propia vontade do escritor. Cando chega ese momento a novela case está feita, afirma con rotundidade.

brais_pintoTamén debemos a Pepe unha parte da nosa historia, recollida no libro De xente nova a Brais Pinto, contada por el, parte fundamental do grupo ao que puxo o nome dun suposto afiador morto en Madrid en accidente de tráfico. Ata escribiu un artigo sobre isto no ABC, cousas dos narradores.

Teño o privilexio de tomar café, moitas tardes, con el e con Manuel Álvarez Torneiro, amigos entrañables dende os primeiros anos de traballo en La voz de Galicia. Paradoxalmente, Pepe, da estirpe dos grandes novelistas, iniciouse no oficio cun libro de poemas, aquel Ribeiranas do Sil de 1952.

(A foto na que estamos os dous, é de Maribel Longueira)