Contáronme o outro día que pronto teremos novo disco da Coral de Ruada. É este un proxecto moi importante no devir desta formación, unha das corais históricas de Galicia fundada en 1929. No disco participan algunhas das máis importantes figuras da música, outros grupos e corais, nenas e nenos cantores.
Quen isto me contaba faloume de que o disco servirá, tamén, para reivindicar a figura de Manoel Prieto Marcos, poeta, músico e compositor nacido en Tui no ano 1905. En 1928, coa súa dona Nandela, Manoel emigra a Arxentina, primeiro a Entre Ríos e logo a Bos Aires. Na capital dirixe coros como o da Nova casa de Galicia, Lembranzas de d’Ultreya, Saudades ou Os rumorosos. Antes de marchar, en Vilagarcía, fora subdirector da banda municipal de música.
Manoel Prieto falece sendo novo, en 1945. Escribiu versos que publicaba en revistas e xornais da Comunidade e que xuntou nun libro con título Versos en gama de gaita, publicado en 1970, ao se cumprir o 25 cabodano do seu pasamento, por iniciativa da Irmandade Galega de Buenos Aires e cun crowdfunding da época, ao que se suman 50 persoas, relacionadas ao final do libro. Eu non atopei imaxe del, polo que me atrevo a inserir aquí esta fermosa alegoría do pintor Paz Antón, na que está Manoel.
A ilustración de cuberta de Versos en gama de gaita é de Luis Seoane. O libro leva un limiar no que eu non percibo a prosa de Eduardo Blanco Amor, aínda que hai quen di que é del. Os versos van precedidos dun texto de Manoel que remata así:
Irmáns na patria e na esperanza: ai van eses versos, moxenas do meu esprito, momentos da miña vida inútil. Prégovos que os admitades, porque vai neles a lentura d’un corazón agradecido. E ti, leitor… disimula.
Seus versos fluén rítmicos, ricos na linguaxe e nas imaxes, poesía vinculada á vida rural e do mar e, ao tempo, cun certo ton modernista e de vangarda que algúns sitúan no ronsel de Amado Carballo. De seguro que, de vivir máis anos, a súa obra tería madurecido e florecido e, acaso hoxe falariamos dunha referencia poética para o país, en lugar do esquecemento que cobre a súa memoria.
Eu deixo aquí estes dous poemas. O primeiro pola primavera que se achega e que xa respiramos. O segundo porque, de coñecelo cando fixen aquela colección de poemas vinculados coa carpintería de ribeira e as embarcacións tradicionais, (Tamén navegar. Editorial Toxosoutos), figuraría nela, e só se me ocorre agora un xeito de subsanar ese baleiro, que é compartilo aquí.
ROMANCE DA PRIMAVEIRA
Nas cerdeiras frolecidas,
ramallos de volvoretas;
ou pingas de sol maduro,
quizais bágoas das estrelas…
Ai, que ti viñas rubindo
camiños da miña espera,
i-o meu ollar criou lume
i-o lume ergueu bambinelas.
Pero ben vin que petaba
no teu sangue a primaveira.
Xila, que linda ficabas
garnida de garnicela!…
Volallas ao teu redor
-cachizos de ollada acesa-
queimaron íntimos liños
e gusmiñaron roseira
toda albariza de rosas,
toda de rosas doncelas.
Ai, cómo tamén petaba
no meu sangue a primaveira!
Lene chamarís da lúa
chamando pol-as noitebras;
o sol apagaba os lumes;
os paxaros tiñan festa.
As mans da bris, a trenzar
risos e canzóns antergas;
i-a fita roxa das gaitas,
i-o queixume das ovellas…
O teu sangue i-o meu sangue,
vértigos trenza que trenza.
¡Ben comprida foi de nós
a manda da primaveira!
…………………………………………
Xila, que na miña carne
madura, magra e morena,
aínda recenden as rosas
novas da tua carne albeira.
VERSOS DE BEIRAMAR
Ai, a belida peixeira
ben querida na ribeira.
(Levaime, barcas!…)
Ai, a peixeira belida
na ribeira ben querida.
(Levaime, barcas!…)
Po-los vieiros do mar
van proa á noite as barquelas
ceibando alalás no ar.
As estrelas
derrétense encol das velas.
Encol da miña emoción,
derrétese corazón.
Nas túas pernas dispidas,
peixeira de Vilaxoán,
alóngase esta serán
que adorme as miñas feridas.
Atustulla nos meus bicos
a mariñeira faciana
namentras o trebón brúa
i-o mar arremuiña barcas.
Navegarei o teu corpo,
ai, a-la-la!