O COLISEO XESTEIRA EN OURENSE NO TEMPO

Antes de rematar o 2014, Rafael Salgado convidoume a escribir un artigo para o blog Ourense no Tempo, contando algunha anécdota da miña relación co Coliseo Xesteira, o cine onde traballou meu pai e onde medrei.

Outras ocupacións leváronme a adiar a encarga, pero no mes de xaneiro prometinlle que estaría lista neste febreiro que remata hoxe. Hai quince días púxenme ao labor, coa intención de escribir un folio e medio. Produciuse entón unha sorte de catarse, na que non fun quen de dominar as emocións e as lembranzas e o resultado, conténdome, foron seis folios que Rafael publicou estes días na páxina.

Quedan moitas cousas por contar: de cando as instalacións do Xesteira foron tamén ximnasio de boxeadores; do pintor encargado de deseñar e debuxar os grandes carteis da fachada; a memoria das músicas; as marabillosas películas de aventuras de rosas negras e alfombras que voaban, de camelos que falaban, daquel cabalo enorme de madeira nunha película sobre Troia que me impresionou tanto que xa nunca o esquecín.

Acaso un día me anime a escribir todo isto e a lle dar forma de libro. Mentres, por se a alguén lle interesa, deixo as tres entradas nas que organizamos o texto:

http://ourensenotempo.blogspot.com.es/2015/02/o-coliseo-xesteira-i-francisco-x.html

http://ourensenotempo.blogspot.com.es/2015/02/o-coliseo-xesteira-ii-francisco-x.html

http://ourensenotempo.blogspot.com.es/2015/02/o-coliseo-xesteira-iii-francisco-x.html

Aproveitando, Rafa exhumou máis memoria e publicou algunha cousa tan curiosa como ese Western de Antonio Román, o director ourensá, titulado Ringo de Nebraka, película que eu non lembro.

http://ourensenotempo.blogspot.com.es/2015/02/western-ourensano.html

O CAMPO DE OIRA

Na anterior entrada lamentaba non ter a imaxe do bar flotante no medio do río, aquela que hai tempo, me enviara Marcos Valcárcel. A cousa axiña quedou resolta, xa que Rafa Salgado, o responsable do blog “Ourense no tempo”, que xa me facilitara a foto que figuraba nese artigo sobre o san Amaro, e os amigos Eustaquio e Jorge achegaron novo material, e entre as imaxes enviadas, había varias do bar flotante, lugar que tivo o seu glamour, xa que a el, nos mediodías de xullo e agosto, levaban as actrices que chegaban a Ourense polo verán, para representar as obras de teatro ou os musicais no teatro Losada.

Sen moita gana de me poñer nostálxico, debo dicir que o bar flotante forma parte entrañable da miña infancia. Lembro un día no que fomos ata el en barca. Remaba meu pai e ía connosco, que eu lembre, a tía Lela. Esa lembranza, ese instante, foi o que quixen recoller no poema que incluín no libro Miño:

O BAR FLOTANTE
 
Sobre bidóns de aire
o bar,
a barca,
os remos choupeando
nun desacougo manso
de rapaz.
Baixo a sombra das canas
a calor do papá,
os risos do barqueiro
os bicos bébedos.
Ía sol
no centro das olladas
na corrente admirable,
destino de ser mar
por ser de auga.
Ía sol
na forza do papá de pulso escuro
no corpo azul das aureanas núas.
Era no bar flotante
de verán e a louza, o cristal, o xeo,
o porrón do que bebían
os celebrados heroes de sifón:
o Toñito Patata, o Capitán Bombilla,
a Concha do cigarro.
Foi nun verán de bar e de barcas
e de aire,
na flotante memoria das sombras.

Ao bar ïamos nas barcas que Carlos Arias, no seu comentario, identifica como “batuxos”, que debe ser nome da zona de Lugo, tanto da cidade como da Terra Chá e máis abaixo, cara Portomarín, que eu nunca así lles escoitei chamar ás nosas barcas. Cando elaborei a colección de poemas galegos dedicados á carpintería de ribeira e ás embarcacións tradicionais, publicada pola editorial Toxosoutos co título Tamén navegar, en homenaxe a Xohana Torres, como o libro era froito dunha colaboración coa Federación galega pola cultura marítima e fluvial, procurei introducir tamén textos que invocasen as embarcacións de río. Un delas é un poema de Manuel María no que aparece o batuxo troiteiro:

Aínda se olla navegar un que outro
batuxo de troiteiro, leve
e veloz como un salouco.
Deixa un pequenísimo ronsel
no cristal, terso e escuro,
das ondas, doadas e amigas.
O batuxo é o irmao fluvial
das dornas e as gamelas.
Amo a súa gracia vencedora
de remuíños, agachadas correntes
e riadas. O batuxo feito está
de escumas. E navega xentil
entre un soño de oucas e andoriñas.

 

Grazas pola colaboración e por estar aí. Apertas. Chisco