O MONTE PINDO E O MONTE DE SAINT VITOIRE

Hai anos, uns amigos franceses pasaron connosco o mes de agosto en Lira. Eles viñan de París, pero na segunda quincena recibiron a visita doutros amigos residentes en Vauvernarges, localidade situada a dez quilómetros de Aix-en-Provence. Gustoulles Carnota, gustoulles Galicia e chegaron a facer un percorrido en bicicleta por toda a Costa da Morte. Días antes de marchar, acompañeinos ao Monte Pindo. Sorprendéronme as mochilas que cargaban, ata que, logo de contemplar o mundo dende a Moa, xa no Campo de Cortes, nos dispuxemos a xantar. Eu levaba un bocadillo. Eles sacaron das mochilas a vaixela e a cristalería de picnic, as botellas de viño tinto, as tarteiras, garfos, coitelos e manteis. Aquel día beneficieime do seu esforzo e do seu gusto por un bo xantar. Sempre que volvo ao monte lembro aquela subída e se alguén me acompaña, cóntolle a anécdota.

Os amigos de Vauvenarges consideraron que había moitos elementos en común entre o Monte Pindo e outro que dominaba a paisaxe onde eles vivían, o Mont Saint Vitoire, concluíndo que os dous eran fermosos e compartían a grandeza das paisaxes que ofrecían. Eu sabía algo do monte porque coñecía algunha das pinturas que Paul Cèzanne fixo del. Por elas, Saint Vitoire é referencia principal da pintura e da cultura contemporáneas. Cèzanne, efectivamente, pintou unha serie de obras que teñen o monte como motivo. Recolleuno en lenzo a todas as horas do día e dende diferentes perspectivas e a crítica artística considera que esa serie permite analizar a pintura de finais do século XIX e principios anos do XX e a súa evolución cara as vangardas. Picasso, tamén namorado do monte e tamén el vangarda, mercou o castelo de Vauvenarges, ao seu pé, e no xardín do castelo está enterrado. O escritor alemán Peter Hadnke dedicoulle un libro: A doutrina de Saint Vitoire.

Os dous anos seguintes nós devolvemos visita e deixámonos acoller polo espírito hospitalario dos amigos de Vauvenarges, na súa casa chamada Grain de terre. Contemplamos entón o monte e subimos a el. A vista que se ofrece dende o alto é impresionante, sobre todo porque cara o surleste esténdese unha terra chaira que vai dar ao mar e ao fondo, moi lonxe, intúese a cidade de Marsella.

Ten, efectivamente, certas similitudes co noso Monte Pindo. Os dous dominan unha contorna extensa, sendo referencia xeográfica permanente. Os dous cambian o seu aspecto moitas veces no día, dependendo da hora, do ceo e da luz. Nos dous habitan os xabaríns. Pero hai diferencias notables. A pedra do noso é de cor rosácea, aquela é branca. Saint Vitoire ten ben amañados os carreiros que ascenden cara o alto e, no cumio, está instalada unha estación de comunicacións do exército. Tamén ten vixiantes forestais pagados pola administración francesa.

Os nosos amigos contáronnos que durante o verán, os veciños de todas as aldeas que o rodean vixían os camiños e coidan del. Temen que o monte poida arder e cada noite, por grupos e cos seus cans, vixían os accesos ao monte. Todos voluntarios, ordenados en quendas. Consideran eles que non é necesario patrullalo por dentro. Basta situarse nos lugares polos que o pirómano ten que baixar. A súa presenza, cada noite de verán, ata ben avanzado setembro, ten un efecto disuasorio sobre aquel que albergase a idea de lle facer mal. Pero ademais, de se producir un incendio por causa natural, eles darán axiña a voz de alarma.

Escribo isto cando leo a convocatoria de SOS feita á xente, da Asociación Monte Pindo Parque Natural, da que se pode obter información na súa páxina, pero tamén como reflexión polo comentario que escribiu na entrada anterior o queimado de fumedecaroso. Quizais poderiamos implantar aquí esa iniciativa ou outras semellantes que nos impliquen e, máis alá do resto dos traballos que o monte necesita, comprometernos como veciños coa súa custodia. O Monte Pindo non arderá o ano que vén, porque non terá moito que queimar, pero se nós non nos ocupamos del, prenderanlle de novo.

(As imaxes de hoxe están tomadas da Wikipedia)