Onte polo serán, antes do temporal que logo se nos veu enriba, acudimos ao local de Monty 4, ben preto da casa, no que fora barrio do Papagaio coruñés. Tocaban e cantaban Paco Campos e Xosé Taboada, nun percorrido por cancións de amor dos territorios atlánticos, dende Brasil a Irlanda, dende Cuba a Portugal, pasando, claro, por Galicia e Bos Aires.
Dicir que Monty 4 é un espazo moi especial, un deses locais dos que hai poucos, espazo moderno para a creatividade e o diálogo, con paredes de formigón e tubos no teito, pero decorado con obras de arte, por estar ligado coa galería do mesmo nome. As mesas todas teñen deseño diferente e baixo o cristal, exhiben obras de artistas. Contra as paredes, libros. Tamén tivemos baile de tangos.
Eu coñecín a Paco Campos cando aínda era funcionario, antes de se dedicar ao teatro, á música e, agora, tamén á escrita.
Xosé Taboada é músico extraordinario, sempre disposto a nos acompañar coas súas frautas e os seus saxos en presentacións e recitais. Coñecino formando dúo con César Morán. Xuntos, Xosé e César, viñeron a Lira, no mes de decembro de 2012, a participar nos actos do 10 aniversario do Prestige.
Aquel ano, en maio, diante da provocación que supuña que o goberno municipal da Coruña non organizase ningún acto polo día das letras, unha morea de persoas, respondendo á chamada de Xavier Docampo, Lino Braxe e Olga Patiño, organizamos comandos artísticos dispostos a percorrer o centro da cidade, interpretando música, recitando ou actuando na rúa, cafés e bares. Xuntou forzas o comando no que estabamos nós co de Paco e Xosé e xuntos vivimos momentos ben emocionantes. Esta gravación que está en you tube, corresponde a unha das intervencións daquel día, no Rei do xamón. O vídeo é penoso, pero a acción non. Eu lembro esa tarde como de felicidade. Entrar nos locais, falar cos donos e co público e empezar a recitar, a contar, a cantar e a xente toda respectándonos e, en moitos lugares, participando. Ningún local nos dixo que non e algún, como ese do vídeo, ata nos quixo convidar a todos, e eramos moitos.