BAR CORTÁZAR

Contoumo hai poucos días a Patricia Alonso, a miña amiga porteña, con orixe familiar en Celavente, O Bolo; irmá do escritor galego arxentino Rodolfo Alonso. En Palermo, na esquina Medrano e Carrera, abriron un bar novo que lembra e rende homenaxe a Julio Cortázar. En Palermo, non moi lonxe, a unhas dez cuadras, estaba xa a praza Cortázar.

http://www.elvigia.net/cultura/2015/12/31/abren-tematico-honor-cortazar-222060.html

Patricia manda unhas fotos tomadas pola súa amiga Delfina Blanco. Elas, xunto con Isabel Otero e Zulema Rodríguez, as catro fillas da galeguidade, decidiron achegarse e coñecelo. Xa dera conta aquí do que abriron en Banfield, o barrio onde medrou Julio, e está o London, que mantén o seu particular museo e unha colección de edicións da novela Los Premios, que en parte escribiu alí e tantos outros lugares que conservan unha foto, un libro, unha lembranza del.

De esquerda a dereita: Isabel, Patricia, Delfina e Zulema

De esquerda a dereita: Isabel, Patricia, Delfina e Zulema

Aquí hai quen afirma que Cortázar non foi escritor arxentino. A min iso paréceme un tópico e unha tontería. A resposta dos lectores alá e a realidade de cousas como este bar, falan dun escritor que mereceu o amor non só nos lectores, senón da colectividade, aínda vivindo lonxe.

Bar Cortazar 3

Alégrame, tamén, ver que a sensibilidade do artista levouno a retratar a Julio con Aurora nun dos murais, lembrando esa fotografía famosa da viaxe á India. Para min é de xustiza.

Bar Cortázar 1

Xa teño gana de ir e merendar unha picada. Quedei con Patricia en iren xuntos en canto nos sexa posible. Será con Julio.

BOS AIRES OBRADOIRO LITERARIO

Nesta ocasión a Bos Aires levoume participar no XI Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG). Como actividades complementarias ao mesmo, unha previa e outra posterior, programouse a conferencia O soño galego de Julio Cortázar e un obradoiro de escrita en serán de xoves. As dúas cousas sucederon no edificio da Federación de Asociacións Galegas, na rúa Chacabuco, a primeira no salón Arturo Cuadrado, a segunda na Biblioteca Galega.

Como presidenta da AIEG ata o pasado día 8, Débora Campos foi a cabeza visible da organización do congreso. Na presidencia sucedeuna Carmen Mejía Ruiz, profesora titular de Filoloxía Románica da Facultade de Filoloxía da Universidade Complutense de Madrid. Ela e o seu equipo organizarán o XII congreso en Madrid no ano 2018.

O obradoiro foi algo case íntimo, aínda que contamos con público que se sumou sen estar inscrito e sen ánimo de traballar, pero si de escoitar. Participaron nel: Patricia Alonso, María Dolores Ferreiro, Mirta Gosende Faraldo, Claudia Amigo, Malores Villanueva, Cecilia Pastore, Claudia López Barros, María Rosa Iglesias López e Débora Campos.

Con Patricia en San Telmo

Patricia e eu coincidimos nun equívoco e presentámonos alí con hora e media de anticipación. Tivemos tempo de falar e de tomar algo no bar El Federal, no corazón de San Telmo. Nel é a primeira das fotos, tomada por un camareiro. Patricia é irmá de Rodolfo Alonso, poeta galego arxentino, a quen quero moito.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Non sei se as participantes no obradoiro aprenderon algo de min. A sensación que sempre teño é que son eu quen máis partido saca destas cousas. A min paréceme que teño pouco que dar, pero que sigo recibindo moito no intercambio de experiencias. O outro día eu percibín, unha vez máis, a importancia das raíces e do vínculo afectivo cunha referencia mitificada pero certa, que é o país de procedencia dos pais e dos avós. Puiden lembrar, tamén a frescura das propostas das escritoras que se inician; o esforzo de quen se bate coa primeira novela; tomar consciencia das dificultades que propón ou que supón a lingua. Tamén tiven ocasión de descubrir os relatos de Claudia López Barros. Xa coñecía os de María Rosa Iglesias.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Como práctica final, construimos un cadáver exquisito, non ao xeito dos surrealistas, xa que fomos procurando un poema con sentido, pero por orde e sabendo o que precedía ao verso proposto por cada quen. Todas fixeron a súa proposta, a partir de dous versos que propuxen eu. A min dáme a sensación, que non é nova, de que todo Bos Aires é un obradoiro literario. O cadáver abaneou entre a saudade e o tango, este é o resultado:

RODAR DA LÚA

Cidade aletargada
brillar de lastros no rodar da lúa
baixo o teu corazón o meu silenzo
que creba co afastado son do barco ausente.
Saudade feita brétema que nos devolve
o tango non bailado aquela noite.
Cidade estremecida, o roce dos corpos que latexan
e ti Bos Aires que mesturas
paixón, ardor, alento dos heroes
perdidos na alborada.

(A Malores debémoslle as dúas fotos do obradoiro, coa particularidade de que ela está na segunda, sentada a carón meu).