Onte, en Pontevedra, no Pazo da Cultura, entregáronse os premios da edición que, co nome de Ánxel Casal, outorgan cada ano, dende hai dez, os editores galegos integrados en Asociación Galega de Editores. Emocionoume recibir un premio que leva o nome do editor galego por excelencia, vítima da represión fascista do ano 36, pero creo que algunha das categorías debería levar o nome de María Miramontes, porque sen ela non sei se a editorial Nós tería chegado onde chegou.
Porque un dos premios, o da categoría de non ficción, foi para O SOÑO GALEGO DE JULIO CORTÁZAR, publicado por Linteo.

Intervención de Manuel Ramos, de Linteo. Logo do autor, o editor, que para el, realmente, era o premio.
Dende aquí quero deixar constancia do meu agradecemento ao xurado e, tamén, dar fe dese momento especial que compartín alí con moita xente querida. Outras alegrías da noite foron a aperta na que me fundín con Agustín Fernández Paz ou os piropos divertidos que intercambiei con María Lado. María, con Lucía Aldao, amenizaron e presentaron o acto, intelixentes e simpáticas, coma sempre. Onte deixei pechada a súa contratación para o Encontro de Embarcacións Tradicionais 2015, que terá lugar no mes de xullo en Cabo da Cruz e do que xa vou facendo propaganda.
As imaxes son de Maribel Longueira.
Esta é a lista de premiados, penso que non falta ninguén:
Premio especial a unha vida editorial, Galinova
Mellor libro de ficción, A viaxe de Gagarin, Agustín Fernández Paz, Xerais
Poesía e teatro, Estrela do norte, Luís Rei Núñez, Kalandraka
Libro ilustrado, Leviatán, Ramón Trigo, Kalandraka
Tradución, As floriñas de San Francisco, Darío Xohán Cabana, Edicións Alvarellos
Infantil e xuvenil, Escarlatina a cociñeira difunta, Ledicia Costas, Xerais
Divulgación, As mulleres galegas, Pepe Carreiro, Baía Edicións
Autora do ano, María Reimóndez
Iniciativa editorial, Colección Rescate, Edicións Alvarellos
Premio especial ás bibliotecas escolares.