A FAMILIA DE DIOS

Xa comentei nunha entrada anterior, que o día 7, sábado, ás 11,45 h, na casa da Cultura de Xinzo de Limia, a Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) entregará á familia os restos de Perfecto de Dios, exhumados o pasado ano. Ás 13,00 os restos serán depositados no panteón familiar no cemiterio de Sandiás.

Tamén deixei constancia do enderezo electrónico onde é posible dirixir as mostras de cariño, de solidariedade e de amizade aos familiares de Perfecto: condolenciasfamiliadedios@gmail.com

Eu non poderei estar coa familia nesa momento, pero aproveitei o correo electrónico para mandarlle unha aperta forte de amizade a Camilo de Dios, irmán de Perfecto e, coma el, guerrilleiro antifranquista dende mozo. Esta é a carta que comparto, porque ao cabo, a exhumación e enterro dos restos de Perfecto é algo que transcende a intimidade familiar, xa que el, coma tantos outros, forma parte desa memoria que debemos preservar e desa obriga que, como colectividade, temos con respecto ás vítimas do golpe militar de 1936 e da represión cega e criminal que seguiu.

Camilo de Dios sostendo nas mans a fotografíad e Perfecto

Camilo de Dios sostendo nas mans o retrato de Perfecto

Esa é a razón pola que comparto esta mensaxe persoal, ao tempo que agradezo a Carmen Rodeja, representante en Galicia da ARMH, o empeño por proporcionarlle esta alegría a Camilo:

Querido Camilo:

Tiven a fortuna de coñecerte no mes de novembro de 1998, no acto de homenaxe tributado a José Gómez Gayoso e Antonio Seoane, no cemiterio civil da cidade da Coruña, diante das tumbas 98 e 99 nas que, dende aquela, figura o nome dos dous loitadores antifranquistas executados pola ditadura en 1948.

Non sei que complicidade nos xuntou aquela tarde, baixo un voo de pombas e arrolados pola música do violonchelo. Non sei que simpatía nos fixo camiñar xuntos de regreso ao centro da cidade. Escoitei, entón, da túa boca, a crónica de feitos nos que participaches, e a expresión de ilusións e devezos que sempre mantiveches firmes, polos que loitaches e sufriches, e aos que entregaches á vida.

Aquel día contáchesme o intento de asalto á cadea coruñesa para liberar a Gayoso e Seoane, acción na que participaches; pero tamén me falaches, por primeira vez, da túa nai, Carmen, e do teu irmán, Perfecto.

Dende entón coincidimos moitas veces, en actos públicos, en manifestacións contra a guerra, en mesas redondas, nas ceas organizadas cada ano pola asociación de Amigos da República de Ourense. Cando esta asociación organizou o pasa-rúas republicano, lembro camiñar contigo pola praza Maior, baixo un flamexar de bandeiras tricolores. Pregunteiche que sentías nun día como aquel, de bandeiras ao vento, escoitando o himno de Riego interpretado pola banda municipal, compartindo a participación activa da xente nunha celebración tan reivindicativa e libre. Ti respondiches moi serio: “Por isto matabamos e morriamos”. Tempo despois souben que na utilización desa primeira persoa do plural incluías aos teus compañeiros de guerrilla e, tamén, a Perfecto, teu irmán.

Sei dos esforzos que fixeches para recuperar os seus restos, exhumados da fosa común en Chaerrero, no afán de que repousen definitivamente no panteón familiar, xunto co resto dos seres queridos, protagonistas de vidas desfeitas polo golpe militar e pola guerra.

Considero unha ignominia e unha indignidade que o estado español permita que 114.000 persoas asasinadas permanezan enterradas en fosas comúns, sen identificar, sen posibilidade de regresar xunto cos seus, sequera de maneira póstuma e simbólica, de que o seu nome figure sobre o granito ou o mármore dunha sepultura, recuperando a identidade e proclamando a memoria.

Perfecto xa o conseguiu, grazas á túa teimosía, á colaboración dos amigos da ARMH e, tamén, á solidariedade dun sindicato de electricistas noruegueses. Eu hoxe congratúlome contigo e comparto a túa emoción. Non é este un momento alegre. A vida puido ser diferente. Pero este si é un momento de xustiza e de descanso, e nese sentido, participo contigo e cos teus desta celebración.

Recibe a miña máis entrañable e agarimosa aperta.

POLO SOÑO DE XUSTIZA E LIBERDADE!!! POLA REPÚBLICA!!!

O teu amigo

Chisco Fernández Naval

NON PODEMOS ESQUECER

Foron varias as informacións recollidas estes días polos medios de comunicación, en relación co que denominamos Memoria Histórica:

Sabemos que a ONU reprocha ao goberno español a súa falta de actividade en relación coa exhumación das persoas asasinadas e desaparecidas durante o franquismo (114.226), incumprindo así os acordos internacionais que o estado asinou. Reprocha, tamén, a negativa a extraditar a cargos franquistas reclamados pola xustiza arxentina, para interrogalos por crímenes de lesa humanidade.

Hitler-y-FrancoEsta semana, nas Cortes, PP e PSOE rexeitaron unha proposta de que o rei, en nome do estado, pedise perdón ás vítimas e familiares dos españois que ingresaron nos campos de concentración e de exterminio nazis. A argumentación para negarse a apoiar a iniciativa de IU, foi que os únicos responsables do exterminio foron os nazis, e que ninguén debe pedir perdón polo que eles fixeron e que era da súa exclusiva responsabilidade. Porén, as cousas non son así. O rei representaba aquí ao estado español, e este si xogou o seu papel para que os exiliados republicanos padecesen persecuión e morte. Quizais moitos españois ignoren esta pasaxe da historia: en setembro de 1940, Serrano Suñer, ministro de exteriores do réxime franquista, viaxaba a Berlín en representación do estado español, para preparar o encontro de Hendaya entre Hitler e Franco. Alí, o ministro alemán Von Ribbentrop pregúntalle polos españois republicanos prisioneiros. Suñer responde que o seu gobierno no considera españois a eses individuos. Son mercenarios ao servizo dos franceses, afirma, e invita aos alemanes a facer con eles o que lles pareza. Empeza, entón, o traslado a campos de exterminio como Mathaussen. Os españois internados nos campos serán marcados cun triángulo azul invertido, o símbolo dos apátridas para as S.S., aínda que os alemás, sabendo a súa orixe, debuxan, no centro do triángulo, un S branco que significa Spanien. Serrano Suñer na conversa con Von Ribbentrop, expresa a opinión do estado español, responsable, tamén, polo tanto, do destino dos españois presos. Ninguén pretendía facer responsable ao rei disto, pero si debe ser el, como Xefe do Estado, quen manifeste o seu pesar polo acontecido.

Días pasados, nunha gala celebrada no Centro Xaponés de Nueva York, Emilio Silva, presidente da ARMH, recollía o premio  a propia Asociación recollía o Premio Alba/Puffin ao Activismo en Dereitos Humanos.

Abraham Lincoln

O acto estivo precedido dun coloquio no que participaron: Enma Daly, xefa de Comunicación de Human Rigths Watch e ex corresponsal de The New York Times en España; Stephanie Golob, profesora da Universidade de Cuny, además de Emilio Silva. No coloquio púxose de manifesto o feito de que no paso da ditadura á democracia, non se resolveron as violacións dos dereitos humanos practicadas durante a guerra e o franquismo.

O Premio, dotado con 100.000 dólares e que conceden os Arquivos da Brigadas Abraham Lincoln e patrocinado pola Fundación Puffin, permitirá continuar durante dous anos coas exhumacións. É imprescindible salientar a falta de actividade neste ámbito por parte do actual goberno do PP, e a retirada de crédito nos orzamentos que para este fin existían.

(Pregúntome, como tamén o facía onte Julio Llamazares, cal é a razón pola que o premio foi entregado no Centro Xaponés e non no Cervantes?)

Camilo de Dios

O ano pasado, algunhas das exhumacións foron financiadas por unha asociación de electricistas de Noruega. Os seus cartos permition exhumar, entre outros, os restos do ourensá Perfecto de Dios. O vindeiro 7 de xuño, no transcorreer dunha homenaxe a celebrar na casa da cultura de Xinzo de Limia, entregaranse os seus restos aos familiares, entre eles Camilo de Dios, memoria viva da guerrilla antifranquista galega. Logo depositaranse no pateón familiar do cemiterio de Sandiás.

No seu momento, aquí, comentamos a exhumación dos restos de Perfecto:

http://fernandeznaval.blogaliza.org/2014/07/22/exhumacion-2/

Agradécense as mensaxes de afecto e solidariedade cos familiares de Perfecto. Podedes escribir a este correo: condolenciasfamiliadedios@gmail.com

EXHUMACIÓN

O sábado pasado, na localidade de Chaherrero, provincia de Ávila, a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica exhumaba os restos do guerrilleiro galego Vista general del lugar del entrerramientoPerfecto de Dios Fernández, morto nun enfrontamento coa Garda Civil, cando tentaba chegar a Madrid, fuxindo dende as serras ourensáns, xunto coa súa nai Carmen Fernández Seguín e outro compañeiro. Perfecto tiña 19 anos. Poucos días antes, nun enfrontamento con forzas do exército no barrio de San Francisco en Ourense, caera ferido e prisioneiro o seu irmán Camilo de Dios, de 16. Este que se ve na imaxe, á beira da estrada, era o lugar exacto da fosa de Chaerrero.

Preso Camilo, a decisión de Carmen e Perfecto, foi tentar chegar a Madrid para establecer contacto coas redes do Partido Comunista na capital e tentar o exilio. Pero todo saíu mal. Carmen, que fóra ao monte cos seus fillos, aínda menores de idade, logo do asasinato do seu home, para evitar a cadea e, se cadra, tamén a súa morte, foi detida o mesmo día do enfrontamento no que morreu Perfecto e sería condenada a trinta anos de cadea. Neste documento constan as circunstancias da morte do mozo, o lugar de enterramento e o interrogatorio a Carmen Fernández.

Documento que indica el lugar exacto del enterramiento

A historia de Camilo, como a de tantos outros loitadores contra o franquismo, está por escribir, pero o que fai singular o seu caso, é que el está vivo, lúcido e con memoria, o que facilitaría o traballo do investigador disposto a enfrontar ese traballo.

Botas de Perfecto

Botas de Perfecto

Esta e outras exhumacións que se realizarán nas vindeiras semanas, son posibles pola achega de 6000 euros que fixo un sindicato noruegués de electricistas. A administración española suprimiu todas as axudas destinadas a este fin.

O vídeo é parte da crónica do traballo do sábado. Nel Camilo, con serenidade, fala da nai e do irmán. Agora, Perfecto, estará cos seus, o pai, asasinado nos meses que seguiron ao golpe de estado militar e con Carmen, no cemiterio de Sandiás, á sombra da torre defensiva medieval que no seu momento, non soubo protexelos: