Hoxe volvín con Fernando Alonso Romero ao Pozo Negro. Era compromiso adquirido dende a última visita recollida no artigo publicado o 4 de novembro: http://fernandeznaval.blogaliza.org/2015/11/04/outra-vez-no-pozo-negro/
Nesta ocasión acompañounos Xacobe Meléndrez. A idea de Fernando era subir polo curso de río Vadebois, o río que nace no alto do Monte Pindo, e chegar ata preto de Cima da Arca, por ver se había algún outro pozo, diferente do que atoparamos nas dúas últimas visitas, e que puidera ser candidato mellor a figurar nun artigo próximo de Fernando como o lugar da lenda que el analiza e que recolleu hai anos. Nos mapas dan o Pozo Negro á beira dun muíño, así sucede no mapa de 1945, onde ademais lle engade o substantivo “Fuente”. Pero Fernando desconfía dos mapas, considera que, ás veces, a localización dun lugar non é exacta ou tan precisa como sería desexable. Camiñamos polas pedras, pasando dunha beira á outra do río, durante case unha hora e
fomos atopando moitos pozos, pero ningún da dimensión e da fondura do que está situado xusto á beira do muíño dos mapas, do que só quedan as ruínas. Algúns deses pozos son estes que se ven nestas imaxes tomadas por min.
A conclusión dos tres é que ten que ser o que consideramos dende o principio, porque, ademais, se tiña o rito que contaban, necesitaría ter auga abonda no inverno e no verán e canto máis arriba, menos auga, xa que no tramo que onte camiñamos, deixamos atrás tres regatos que aumentan o caudal do Vadebois.
Bañámonos no Pozo. Día 6 de decembro e bañándonos no río, sen frío. De certo, algo está a cambiar. Xacobe, empoleirado á parede do muíño e logo do baño, fíxonos esta foto tan fermosa a Fernando e a min, á beira do Pozo Negro.
Citar, para engadir ao censo de seres vivos do Monte, que atopamos un exemplar de Chioglossa lusitánica, ou salamántiga rabilonga, endémica do norte de Portugal e de Galicia, animaliño que aquí vedes entre as mans de Xacobe, tisnadas de tanto pelexar con xestas e piñeiros queimados.