MIGUELANXO PRADO

A miña alegría é de hoxe, aínda que a nova é de onte, o Premio Nacional de Cómic para Miguelanxo Prado, polo libro Ardalén.

Ardalén, un vento con recendo de mar, deixounos este outono a ledicia de dous galegos recibindo o Premio Nacional, primeiro Manuel Álvarez Torneiro en poesía, agora Miguelanxo. Eu sinto unha emoción especial polo cariño que me une a ambos.

Coñecín a Miguelanxo hai unha morea de anos, cando o convidei a participar nun ciclo de encontros entre creadores e público, de maneira particular, lectores. Eu estaba, daquela, na xunta directiva da Asociación Cultural O Facho. O encontro con Miguelanxo foi o que máis interese suscitou e o que máis público tivo. Desenvolveuse nun CGAI que abrira pouco antes. Aquel día Miguelanxo contoume que o principal nunha historia de banda deseñada non era o que aparecía nas viñetas, senón o espazo en branco entre elas, aquilo que o autor non debuxaba, o que tiña que imaxinar o lector, pero claro, sempre levado pola man do debuxante, velaí a dificultade, contar sen dicir.

Tempo despois, compartimos mesa, con outros amigos, nunha carpa ateigada de público, na Semana Negra de Gijón, falando do Prestige, sería o ano 2003.

Cando a Asociación Cultural Canle de Lira organizaba as Xornadas de Cultura Tradicional en Carnota, Miguelanxo veu a presentarnos de De Profundis, o film de animación que creou xunto con Nani García, quen compuxo a música.

Ardalén é un libro especial, todas as súas historias o son, dende aquel Trazo de tiza, o primeiro libro que eu lin del. En Ardalén, as baleas voan sobre os bosques, coma o vento do mar, e cantan. Comparto con Miguelanxo a certeza de que somos, individual e colectivamente, o que lembramos, aínda que a min, ultimamente, me dea por dicir que tamén somos o que esquecemos.

Orgulloso e emocionado, gustaríame compartir hoxe a miña alegría con todos os que seguides con frecuencia ou ocasionalmente este blog. Por eles, por Manuel e por Miguelanxo, quixera propoñer un brinde, aínda que sexa virtual. Tamén vos deixo o tráiler da película.