O BOSQUE DAS ANTAS

Ides perdoar a fachenda. De feito non sei se a información está contrastada, pero ler este artigo no blog biosbardia: biosbardia.wordpress.com/2014/05/20/os-…pois produciume unha certa emoción, por ver aí O bosque das antas e ler a análise que o autor fai dela. Tampouco non sabía que estivera tan ben colocada nas vendas.

Ben, aí queda. Hai días nos que un precisa alimentar a autoestima.

Advertisement

O PREMIO XERAIS

O sábado pasado estivemos na illa de San Simón, na festa de Edicións Xerais de Galicia, na convocatoria anual de fallo e entrega dos premios Xerais de novela e Merlín de literatura infantil. Foi ocasión de saudar e falar con moita xente que había tempo non viamos. A alegría, ademais, foi grande, xa que o premio Xerais foi para un bo amigo, Xabier López López, ao que tamén había tempo que non vía, autor dunha obra xa importante e pola que sempre sentín admiración. A novela coa que gañou o premio e que teremos na man en poucos meses, leva por título Cadeas. Non coñecía a Antonio Fraga, gañador do Merlín co libro O castiñeiro en abril. Emocionounos a súa emoción e celebramos a felicidade de recibir o premio e casar, todo en oito días, dous sábados de xuño que, sen dúbida, serán fitos esenciais na súa vida.

Importante a intervención de Xavier Docampo, mantedor do acto, cun discurso sobre a lectura e sobre a lingua titulado: E serei unha cerdeira (panfleto). Tamén importantes as reflexións de Manolo Bragado sobre o mundo da edición e do libro que vén. Alegres os músicos da agrupación Os irmandiños de Vincius. Fundamental o traballo de Celia Torres.

Era a trinta edición do Xerais. En 1988, hai 25 anos, gañaba o premio O bosque das antas. Debo ser, aínda hoxe, o único gañador do Xerais que non recolleu o premio o día do fallo do xurado. Daquela o premio fallábase en outono. Aquel ano coincidía en sábado, 12 de novembro, día seguinte ao San Martiño, festa en Ourense. Aconteceu que eu non sabía moi ben como funcionaba o asunto. Nos xornais vin, ese mesmo día pola mañá, que a miña novela estaba entre as finalistas, pero non sabía que debería estar presente no fallo e entrega do premio, diso nada dicían as bases. Inocencia, ignorancia, ou as dúas cousas, o certo é que aquela tarde eu fun de magosto á casa duns amigos preto de Celanova. Regresamos a Ourense e xa pola noite, tomando unhas copas, David Cortón e Eustaquio Puga, sen me dicir nada, acordaron achegarse á redacción de La Región, situada aínda na rúa de Cardeal Quiroga de Ourense. Volveron coa boa nova. O bosque das antas gañara o premio. Ao día seguinte non había foto do gañador. A foto era de Víctor Freixanes, entón director da editorial, recollendo o premio no meu nome. Souben logo que durante todo o día, a editorial tratara de localizarme inutilmente. Entón aínda non tiñamos teléfonos móbiles.

Cinco veces pasei a máquina a novela, xa que, daquela, tampouco non tiñamos ordenadores. Era a prehistoria. Hoxe, ollando para atrás, sei e recoñezo que aquel premio marcou a miña vida. Entón non puiden dar as grazas, pero, se cadra, aínda é tempo. Grazas a editorial por convocar o premio cada ano e aos xurados, ao meu xurado, composto aquel ano por: Roi Alonso, Luis Álvarez Pousa, Antón Gómez Vilasó, Pedro de Llano e Berta Piñó. Logo dun tempo sen colaborar, hoxe sigo publicando a miña narrativa con esta editorial, nela están os dous últimos títulos: Para seguir bailando e A noite branca.

Reproduzo aquí as cubertas da primeira e a cuarta edición daquel libro, transcendental par min. A imaxe da primeira era de Vilar Cardona. A da cuarta, unha barca como sería a de Amador, o barqueiro da novela, é de Maribel Longueira. Fomos dar con ela un serán, preto de Vide, logo de percorrer as beiras do Miño dende Chantada.